El tío de la bota

As factorías comerciais portuguesas, británicas, alemás e holandesas asentadas nas illas e na costa do golfo de Guinea serviron de plataforma para a introdución masiva de bebidas alcoólicas na poboación autóctona. Nun comezo os spirits cadraban moi ben nestas sociedades tribais nas que o banquete e o consumo ritualizado de alcol xogaban un papel importante como mecanismo de integración e reprodución social. Algo semellante debeu acontecer en Galicia na época dos castros, como así nolo amosa a Arqueoloxía. Aparte da cervexa tradicional castrexa, os xefes (ou todos os habitantes, non sabemos) dos poboados fortificados das rías Baixas comezaron a recibir o impacto dos produtos mediterráneos, entre eles o viño. Pouco antes da conquista romana, os circuítos comerciais da ruta do estaño, estaban controlados por mercaderes do sur peninsular, descendentes dos púnicos. Non esquenzamos que a famosa campaña de Xulio César, quen chegou até Brigantium, fóra financiada pola elite comercial de Gadir.

Por Xurxo Ayán | | 28/03/2011

Comparte esta noticia

Desa época atopamos nos castros do litoral cantidades inxentes de ánforas procedentes da actual Andalucía, contedores cerámicos nos que se transportaba de xeito industrial viño do malo, auténtica purrela rexeitada pola dieta mediterránea e que trunfaba entre os nosos antergos. Este fenómeno don Simón do cambio de era podería vencellarse coa suposta conquista pacífica dunha Galicia castrexa embebida nun botellón permanente que inhabilitaría calquer tentativa de resistencia. Nas primeiras vías romanas os lexionarios de tráfico debían de facer o agosto con estes castrexos alcolizados. Sexa como for, o que semella claro é que o alcolismo é unha ferramenta máis empregada polo imperialismo e mailo colonialismo, en todo tempo e lugar.


No noso traballo arqueolóxico na illa de Corisco en Guinea ecuatorial, puidemos constatar arqueoloxicamente este proceso que combina comercio, alcol e desestruturación social. Na escavación dunha aldea abandonada benga na época do ditador Macías (1969-1979) e fundada a fins do século XIX, rexistramos unha secuencia bastante clara: nunha primeira fase o que prima é o consumo de cultura material de boa calidade, dende porcelana chinesa, francesa e británica, pasando por pipas de caolín e botellas de xenebra de coñecidas casas de Hamburgo e Liverpool, é dicir, das cidades-sés de empresas multinacionais que tiñan factorías nas illas de Elobey Grande, Elobey Chico e Corisco.

Os verquedoiros de fins do XIX e comezos do XX están inzados destas botellas de vidro tan vencelladas ao colonialismo africano. Todo o mundo recorda a pelexa entre Humphrey Bogart e Katharine Hepburn na Raíña de África, cando a muller bota pola borda o cargamento de xenebra do tío máis duro da historia do cinema. A xenebra foi un clásico estendido polos británicos, debido á suposta indicación da tónica e a xenebra como defensa contra a malaria, grazas á quinina. Nesa época, as crónicas españolas, escritas por exploradores peculiares como Iradier e por misioneiros tradicionalistas coma os claretianos, falan precisamente do gusto local polas bebidas alcólicas, nomeadamente a augardente e a xenebra.

A segunda fase detectada nas nosas sondaxes arqueolóxicas supón unha pauperización do consumo e unha certa cerrazón ao comercio internacional; a porcelana é substituída polo latón, e a xenebra praticamente desaparece. O que atopamos é un masivo consumo de viño e de cervexa. Este é o patrón de consumo que se constata hoxendía en Corisco e boa parte de Guinea ecuatorial: baseado na tríada cervexa San Miguel, viño El tío de la bota e brandy Tres Cepas. O sábado e o domingo pola tarde no país ten lugar o que se coñece como “o ambiente”. O ambiente coincidía coas charlas que dabamos cada fin de semana á poboación local explicando o avance das escavacións, os achados máis salientables, etc... O ambiente pode resumirse nesa casposa frase de “Corisco entera se va de borrachera”. Unha mistura de prostitución, inxesta masiva de alcol, festa rachada, pelexas entre militares e autóctonos... nada novo para un galego fetén, como diría O’Rivas. A realidade de fondo é que o alcolismo é un problema estrutural, unha herdanza chantada dende a época colonial.

Un empresario rioxano que traballa para unha construtora marroquina en Malabo forneceunos un dato que resume perfectamente a situación: de 200 homes que ten ao seu cargo, todos conductores de camións, nos controis de alcolemia que se fan de cando en cando o 70 % dan un nivel de 3.80 (tres punto oitenta) de g de alcol en sangue. E conducen: só morreu un en cinco anos. O viño El tío de la bota é auténtico veleno exportado dende Murcia en formato tetrabrik. Como decoración, o cartón presenta unha banda con debuxos do procesado do viño e un discurso que fala das bondades da dieta mediterránea. A paisanaxe guineana emprega con moita retranca este nome de dieta mediterránea para referirse a esta bebida, Patrimonio da Humanidade, din. Xa vos podedes maxinar o que acontece coa dieta mediterránea se a misturas despois ou entrementres con brandy Tres Cepas. A gama máis alta dun viño en Guinea ecuatorial é o chamado viño dos ministros: Rioxa Paternina banda azul, en botella de vidro. Como señores.


O Exército é un grande consumidor de El tío de la bota, coma os lexionarios romanos encargados de defender o limes, borrachos acérrimos… e armados. Esta relación milicia-viño quedáranos moi clara estudando arqueoloxicamente unha posición italiana na fronteira de Etiopía con Sudán; en superficie non atopamos un só casquillo de bala, pero si unha morea de botellas de viño. Os Guardi di Frontiera non dispararon un só tiro cando entraron os belgas e os británicos en 1941, en plena 2ª Guerra Mundial, pero iso si, deberon de coller unha melopea histórica. Eu creo que o consumo de El tío de la bota (ou beberaxes semellantes) ten algo que ver coa personalidade psicopática deses ditadores apuntados ás arengas demenciais e á escritura de libros-Verdade, do estilo de Gadafi co seu marabilloso “Libro verde” ou o libro de Obiang “Mi vida por mi pueblo”. Detrás deses parágrafos excelsos ten que haber unha droga que deixe á altura do betún a absenta do París bohemio. Nun país no que non existe prensa, como Guinea ecuatorial, nos kioskos non atoparás un só xornal, pero si o libro oficial de Obiang (“el mayor artífice de la mayor revolución cultural ocurrida en la historia de este pequeño gran país”) editado pola Biblioteca Nacional.

Velaquí vai un extracto (páx. 108, 2ª ed.): “El 25 de junio de 1989, fui reelegido con una mayoría que rebasaba el 99 % de los votos emitidos. Es verdad que yo era el único candidato, pues no nos encontrábamos en un régimen de multipartidismo”. In vino veritas. Así escribe o verdadeiro tío de la bota, da bota que pisa, humilla e mutila unha e outra vez á súa xente, ao pobo do seu país, o mesmo país que considera de seu. Como Gadafi ou Berlusconi, verdadeiros valedores da dieta mediterránea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA