150 anos da extinción do Couto Mixto, o microestado independente entre Galicia e Portugal que durou sete séculos

O sábado 7 de xullo cúmprese o 150 aniversario do Tratado de Lindes entre España e Portugal que finiquitou a indepedencia deste territorio tras 700 anos.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/07/2018 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

Na fronteira entre Galicia e Portugal existiu desde a Baixa Idade Media ata o século XIX un territorio con organización propia non ligado á coroa dun ou doutro lado da raia. Era o Couto Mixto, un caso excepcional que se extinguiu hai 150 anos. Aquel territorio, considerado o primeiro Estado de Europa, non chegou a superar o milleiro de habitantes e estaba formado por tres aldeas —Santiago, Meaus e Rubiás—, que ahora pertencen aos concellos de Calvos de Randín e Baltar, no sur da provincia de Ourense. Este martes, Xosé Manuel Cid, profesor da Universidade de Vigo e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, será un dos encargados de presentar no Liceo de Ourense a programación organizada para este sábado, día 7 de xullo, co gallo dos 150 anos da extinción definitiva do Couto Mixto, datada en 1868.

Couto Mixto
Couto Mixto | Fonte: vortegmax.net

A Universidade de Vigo únese a esta conmemoración pola intensa relación que a une a este enclave histórico desde a década de 1990. “A nosa vinculación co Couto Mixto remóntase ao ano 1999, cando a Universidade de Vigo organizou en Chaves, a iniciativa de Xosé González Martínez, e xunto á Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, un curso de verán dedicado ao Couto Mixto”, comenta Xosé Manuel Cid.

Nese curso, apunta, presentouse o libro de Luis García Mañá 'O Couto Mixto. Unha República Esquecida' e, froito da inquedanza da xente que nel participou, poríase logo en marcha a Asociación de Amigos do Couto Mixto co obxectivo de “recuperar a memoria deste enclave como un territorio esquecido, que non acadou o recoñecemento doutros territorios afíns, como puido ser Andorra, e que a propia poboación ignoraba entón”.

INICIATIVAS

Entre as iniciativas postas en marcha por esta asociación estivo a creación das mencións de xuíces honorarios do Couto Mixto, en lembranza do derradeiro xuíz deste enclave, Modesto Delfín Brandón.

A Universidade de Vigo, lembra Xosé Manuel Cid, foi a primeira xunto a de Trás-Os-Montes e Alto Douro en inaugurar estas distincións. “Para nós sempre foi unha honra contribuír ao coñecemento do Couto Mixto e participar das iniciativas levadas a cabo para  valorizalo”, afirma o docente, que lembra como ao longo da súa historia acadaron a mención de xuíces  honorarios outras entidades ou iniciativas moi vinculadas á Universidade de Vigo, como Ponte nas ondas! ou os Encontros de Educadores e Educadoras pola Paz.

Este sábado serán nomeadas as vilas de Souteliño, Cambedo e Lama de Arcos, que quedaron na parte lusa trala sinatura do Tratado de Lindes entre España e Portugal, que puxo fin ás aspiracións de Portugal sobre o Couto Mixto, e un ano máis Xosé Manuel Cid será un dos que participará na característica cerimonia de entrada dos novos xuíces. 

SINGULARIDADES

“Para a Universidade, o Couto Mixto reúne moitos elementos de interese”, comenta Xosé Manuel Cid. Por unha banda, detalla, está o seu interese antropolóxico, pola mestura de culturas, e histórico, polos privilexios que tiñan os seus cidadáns, polo seu carácter excepcional e polo papel que xogou en determinados momentos, por exemplo na acollida de refuxiados.

Porén, engade o profesor, tamén está o interese no que se refire ao idioma, “pois aínda que os habitantes do Couto Mixto puidesen elixir ser lusos ou españois a súa lingua era o galego”; ao seu modelo democrático; ao comercio ou á organización xurídica.

“Como Universidade é importante estar aquí, porque son moitos os ámbitos do saber que se tocan nesta marabilla da historia que é o Couto Mixto”, afirma por último Xosé Manuel Cid. 

Como mostra deste potencial e interese, o profesor destaca como este martes no Liceo de Ourense se presenta tamén o libro de José Rodríguez Cruz, editado por Edicións Laiovento, 'O Couto Mixto. Aspectos folclóricos'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Couto Mixto Nación

O Couto Mixto, a verdadeira realidade nacional do Noroeste de España. Isa é unha nazón e o demás contos moi ben remunerados