A Romaría Viquinga de Catoira leva Galicia "por todo o mundo"

As celebracións da 58º edición desta festa de interese turístico internacional estenderanse do 2 ao 5 de agosto, e o goberno galego achegará 40.000 euros para organizar a Romaría.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 19/07/2018 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou este xoves na delegación territorial da Xunta en Pontevedra un convenio de colaboración co Concello de Catoira polo que o Goberno galego achega 40.000 euros para organizar a Romaría Viquinga, a segunda das festividades galegas en ser recoñecida festa de interese turístico internacional hai máis de 15 anos e a primeira da provincia de Pontevedra.

Romaría Viquinga de Catoira
Romaría Viquinga de Catoira | Fonte: vacaciones con niños

Nava Castro destacou a importancia desta festividade porque, como declarou, está a levar o nome de Galicia "por todo o mundo" converténdose "nunha opción turística de primeiro nivel", segundo engadiu. A directora de Turismo de Galicia subliñou a contribución da Romaría Viquinga para que Galicia continúe avanzando no seu obxectivo de converterse en "un destino cada vez máis internacional".

Neste sentido, lembrou o compromiso da Estratexia de turismo de Galicia 2020 por conseguir que un terzo dos viaxeiros que cheguen a Galicia sexan estranxeiros. "Con festas como esta estamos a dar pasos certeiros para conseguilo", afirmou.

PROGRAMACIÓN DA 58º EDICIÓN

A Romaría Viquinga, que se celebrará o 5 de agosto, reúne cada ano a miles de visitantes. No programa desta 58º edición destacan dúas novidades.

Por unha banda, a substitución da clásica obra teatral pola representación do 'roadshow Follow the vikings', que poderá verse os días 2 e 3 de agosto, ás 22,30 horas, no recinto das Torres de Oeste. A segunda novidade é a celebración, na Alameda, do concerto de Roi Casal, ás 22,30 horas do domingo 5. A programación tamén inclúe a charla 'Viquingos do norte', de Andreas Forsgren, que se celebrará nunha das salas do Edificio Multiusos, ás 20,00 horas do día 3 de agosto.

Para o día 4 de agosto está anunciada a III Regata Memorial Felipe Aragunde, que se desenvolverá a partir das 11,30 no río Ulla. Esta xornada rematará coa cea viquinga no recinto das Torres do Oeste, co posterior espectáculo 'Noite de luz' e os concertos de Versión B, Falperrys, Liska! e Baiuca, na praia fluvial.

Xa o 5 de agosto terá lugar o multitudinario Desembarco, previsto para a 13,00 hora e amenizado por diversas actuacións, entras as que figuran as dos grupos Troula Animación e Los Gascones.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta