130 músicos e bailadores participarán nun Festival de Lorient con moita presenza da música tradicional galega

Participarán no encontro de música celta máis importante de Francia e do mundo dende o 3 ao 12 de agosto.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/08/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Delegación Galega do Interceltique de Lorient estará conformada por arredor de 130 músicos e bailadores que viaxarán ata a cidade francesa dende o 3 ao 12 de agosto. Ademais, este ano Galicia xógase un recoñecemento importante: está entre as grandes candidatas para que se de dedique a edición do 2019. 

A cantante Uxía
A cantante Uxía | Fonte: compasdacosta.com

O Festival Interceltique de Lorient naceu hai 48 anos co desexo dos seus fundadores de contribuír ao desenvolvemento da música e a cultura bretona, pero sempre estivo aberto ás nacións celtas das Illas Británicas (Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda) e a Galicia e Asturias. Co seu éxito, o interceltismo pasou as primeiras fronteiras celtas británicas e peninsulares para conectarse con outros lugares onde hai tamén un lugar de migración máis recente, como Australia, Canadá e Latinoamérica.

Así pois, nos dez días de festival, chegan á vila bretona máis de 4.500 artistas para participar nos máis de 120 espectáculos que se desenvolven nos distintos espazos do festival, chegando a congregar 120.000 espectadores de pago e 750.000 visitantes. Estas cifras convérteno no máis importante festival de Francia e do mundo. E Galicia forma parte de todo este éxito. 

REPRESENTACIÓN GALEGA

Nesta edición adicada ao País de Gales, a presenza galega é numerosa e destacada, de maneira que chega a todos os escenarios do festival. O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo, tocará no "Quai de la Brretagne" o martes 7 de agosto e ao día seguinte participará na gran noite adicada á gaita. Así, convértese esta nunha proposta que leva enchendo escenarios de toda Europa nos últimos anos e que presenta un espectáculo con disco incluído para en setembro.

Tamén chegará ao Interceltique Uxía. Rodeada dunha banda de destacados músicos galegos, presentará no "Theâtre de Lorient" as pezas do seu último traballo onde musica letras de  Novoneyra, "Uxía-o", e co que ten acadado galardóns coma o mellor disco nos "Premios Opinión de música de raíz". Outro dos pratos fortes é Rodrigo Romaní. Este arpista de Noia chegará para impartir a master-class de arpa o sábado 11 no Palais de Congrès, a previa ao concerto que realizará pola noite nese mesmo espazo. Nesta ocasión presentará "Fíos de ouro no ar" acompañado da arpista Beatriz Martínez e a percusionista Xulia Feixóo.

Ademais, o Trofeo MacCrimmon de gaita peninsular contará coa presenza de catro representantes galegos que chegan a estoutro nivel logo dunha selección feita en abril no concello de Teo. Serán Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas.
A Banda de Gaitas Sons da Chaira, de Rábade, participará por primeira vez no Festival de Lorient. É unha banda de recente creación pero cunha enorme proxección grazas ao traballo dos seus recoñecidos mestres: Brais Monxardín e Miguel Anxo López, "Chino".

No caso do baile, o grupo convidado vén dende a Mariña luguesa e chámase Saíñas, unha formación de Xove que tamén debutará nesta 48º edición do festival. Sementeira tamén tocará dentro da programación das músicas sacras e mesmo haberá master-class de baile tradicional. En definitiva, a presenza galega neste festival deixa claro que cada vez, a música e baile de noso é máis tradicional. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta