Atopan material explosivo no porto de Combarro que podería servir para atacar arroaces

A Garda Civil localizou varios artefactos pirotécnicos abandonados no peirao que estaban sendo manipulados por nenos.

Por Galicia Confidencial | Poio | 08/08/2018 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A Garda Civil investiga as circunstancias que rodean o achado dunha caixa con cinco artefactos pirotécnicos que se atopou abandonada no peirao de Combarro. Un material que a Benemérita cre que se utilizaba para espantar aos arroaces durante as labores de pesca.

Os feitos ocorreron a semana pasada cando un compoñente do Servizo Marítimo da Garda Civil, con base en Marín, que se atopaba fóra de servizo, observou que varios nenos se atopaban manipulando unha caixa de cartón que se atopaba abandonada xunto a un colector de lixo no peirao pesqueiro de Combarro.

A curiosidade profesional deste garda civil levouno a comprobar o contido da caixa que estaban a manipular os nenos e atopouse con cinco artefactos pirotécnicos, todos eles das mesmas características externas. Por ese motivo, deu aviso aos Técnicos Especialistas en Desactivación de Explosivos (TEDAX) da Garda Civil, con base na Comandancia de Pontevedra, que se fixeron cargo da caixa.

Segundo a apreciación dos TEDAX, trátase de artefactos pirotécnicos que foron modificados engadíndolle unha pedra, que estaba encostada ao petardo con cinta illante, a modo de contrapeso.

As primeiras valoracións apuntan a posibilidade de que este tipo de artefactos pirotécnicos se poidan estar a utilizar de forma ilegal para producir pequenas explosións no medio mariño para evitar que determinadas especies, como os arroaces, cuxa presenza parece incrementarse nas últimas datas, interfiran nos labores pesqueiros ou produzan danos nos aparellos.

A Garda Civil, que xa iniciou a correspondente investigación para esclarecer as circunstancias do achado e o uso destes artefactos, lembra que o uso dos explosivos nos labores de pesca, que poden causar danos indiscriminados en todo o medio mariño, está tipificado como delito no Código Penal.

Artefactos explostivos atopados en Combarro e, supostamente, utilizados para espantar aos arroaces
Artefactos explostivos atopados en Combarro e, supostamente, utilizados para espantar aos arroaces | Fonte: Garda Civil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta