Galaicus

Nun recente libro sobre Prisciliano o teólogo Victorino Pérez Prieto suliñaba a necesidade de divulgar a figura deste mártir da Gallaecia, todo un referente empregado pola Historia erudita pero praticamente descoñecido para a sociedade galega hoxendía.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 28/04/2011

Comparte esta noticia

No noso país coñécese máis a Hipatia cá Prisciliano, grazas ao impacto mediático da megaprodución cinematográfica dirixida por Amenábar.
Se o teatro foi unha das ferramentas fundamentais empregadas polo galeguismo cultural e político para espallar o seu ideario e concienciar ás clases populares dende o século XIX, non cabe dúbida do enorme potencial do cinema como medio de difusión da historia dun país. E Galicia conta con feitos, procesos e figuras históricas dabondo, como teñen apuntado guionistas e directores. O caso é que non debe ser doado sacar adiante un proxecto destas características, xa que moitas iniciativas desta caste descansan no baúl dos recordos, dende recreacións das loitas entre Xelmírez e dona Urraca até a revolta irmandiña, pasando pola repoluda María Pita, que saibamos. Por suposto, aquí conflúen factores como o estado anémico do cinema galego, a falla de cartos, un certo sentimento de autoodio, o monopolio audiovisual da época contemporánea (de 1936 en adiante) ou unha estúpida esixencia de rigor e método na construción da identidade nacional por parte da historiografía nacionalista (por que os e as do Bloque sempre están enfadados?) e da Academia, empeñados uns en formar patriotas e outros en ilustrar aos bos salvaxes con discursos dirixidos, mastigados, acabados, pechados, insulsos e aburridos.

Hai uns días o Telediario de TVE recuperou imaxes a gravación do mítico film “O Cid” en Peñíscola, onde podïamos ver ao patriarca Menéndez Pidal rodeado de estrelas e Hollywood na súa condición de asesor histórico da película. Corría o ano 1961. Charlton Heston, Sofía Loren e o vello filólogo deron a coñecer a todo o mundo o século XI da Península Ibérica.

En 2011 o anuncio da realización dun documental (“El Legado Celta”) e dunha película titulada “Galaicus” desatou todo un debate na Rede (véxase GC ou Capítulo 0 por exemplo) que exemplifica perfectamente o tipo de Arqueoloxía e Historia científicas que se concibe e fai neste país. Podemos facer toda unha análise psicoanalítica do noso gremio fixándonos nas reacións dos arqueólogos e arqueólogas perante este tipo de recreacións. Na Museística e en boa parte da Arqueoloxía galega segue vixente o patrón de racionalidade positivista dos anos 70. Eu só creo o que escavo é a falacia que rixe esta forma de re-pensar o pasado. Os restos materiais conservados son os que nos permiten coñecer algo as comunidades do pasado, pero nada podemos dicir da sociedade, a relixiosidade, etc... E como non hai esqueletos castrexos, non sabemos como eran esas persoas. A consecuencia lóxica é presentar maniquíes ou figuracións en museos e unidades didácticas nas que os homes, mulleres e nenos dos castros non teñen faciana. Vendo isto, dan gañas de facer como na película “Airbag”, e poñer un lehendakari castrexo negro coma o pez. As persoas desapareceron durante moitos anos da historia da Idade do Ferro como consecuencia destas actitudes tan científicas. Este xeito de pensar inflúe notablemente nas reacións arqueolóxicas perante o cinema, que se poden resumir basicamente en tres: rexeitamento total, medo/incertidume e ironía retranqueira. A primeira delas apela á seriedade da disciplina arqueolóxica, á súa natureza científica, ao método. A mesma excusa que lexitima o secuestro dos xacementos, o control da información, a prohibición expresa de que nenos e xente non formada poida escavar ou ter experiencias didácticas nunha intervención arqueolóxica, etc., etc., etc...

A segunda actitude denota medo ao descoñecido. Algúns arqueólogos e arqueólogas recoñecen valor a estas iniciativas audiovisuais, sempre que teñan unha total rigorosidade científica e conten con asesoría de especialistas. Nada que obxectar ao respecto. O que pasa é que moitas veces se agocha un sentimento de autoafirmación gremial, algo do que facemos gala acotío (non temos colexio pero si un vesánico complexo de inferioridade). Ademais, obviamos algo básico: a Arqueoloxía ten as súas reglas e o cinema, o discurso audiovisual, as súas (esta lei é obviada polos inocentes que se abraian por ver na mesma mesa ao patriarca baltárida e a Luís Tosar, por exemplo).  O cinema non é a realidade (e moito menos a realidade histórica), por iso é cinema. E os arqueólogos non adoitamos flexibilizar e relativizar os nosos presupostos tentando comprender outras realidades alleas á nosa. Por que? Porque cremos que somos os únicos detentadores da verdade sobre o pasado.

Finalmente, o gremio prefire a típica solución galaica para estes casos: escarallarse da risa (3ª actitude). O sentido do humor e a retranca son básicos e tiñan que vir de serie. O que pasa é que en moitos casos a ignorancia é moi atrevida e ridiculizamos experiencias antes que poñernos a matinar: como facer atrativo o discurso arqueolóxico á sociedade? como recrear relativamente ben un castro? En vez diso seguimos coas nosas estratigrafías, tipoloxías e camadas 3db. Como se fosen spaguetti western ou romanadas cutres pasámolo ben sinalando en trailers, documentais e películas os anacronismos, as cafradas de atrezzo e ambientación, reseñando os prexuízos verquidos nas ambientacións (de xénero, por exemplo), ou regodeándonos no noso saber hiperespecializado. O problema é que non adoitamos facer o mesmo coa nosa produción científica, tamén inzada de apriorismos, marxinacións herdadas e ideas preconcebidas.

En definitiva, debe a Arqueoloxía adentrarse de cheo no mundo do cinema e da divulgación? Como sinalaba Cornelius Holtorf, ningunha ciencia ou saber conta cun icono mundial facilmente recoñecible como a Arqueoloxía: Indiana Jones ten feito moito máis pola divulgación da Arqueoloxía (a escala mundial) que millóns de cursos de extensión universitaria. Doutra volta, a sociedade aprópiase á súa maneira do pasado: velaí están as festas de temática prehistórica e histórica en Galicia, con familias enteiras facendo de romano, de castrexo, de neolítico ou do que se preste, ou as páxinas webs e blogs de xente que reinterpreta á súa maneira o Patrimonio arqueolóxico. A día de hoxe, a Arqueoloxía oficial ou se mete de cheo nesta realidade ou queda marxinada. Ninguén nos necesita, porque aparte de non ter respostas sobre o pasado, somos uns tikismikis que cortamos mogollón o rollo, como nos dixeron hai un par de anos na Feira celta de Santa Comba. Voltando a Galaicus, e como o cinema permite soñar, ocórresenos un probable inicio para o filme: “Toda a provincia de Auria está dominada polo cónsul baltárida, toda? Non. Unha pequena vila rexeita unha e outra vez ao invasor”. Posible título: Allariz e Obeliz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA