Miguelanxo Prado: "Viñetas evidencia a riqueza creativa da banda deseñada galega"

A XXI edición de Viñetas desde o Atlántico trouxo o mundo do cómic ata a cidade herculina un ano máis. O director do Salón Internacional do Cómic, Miguelanxo Prado, séntese orgulloso de todos aqueles artistas consagrados e emerxentes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela a | 13/08/2018 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

“Aínda sendo só unha pequena mostra do panorama global, a XXI edición de Viñetas desde o Atlántico evidencia a riqueza creativa e tamén o enorme talento de todas as xeracións que hoxe conforman a banda deseñada española e, xa en particular, a galega”. Así o asegura o director do Salón Internacional do Cómic, Miguelanxo Prado, ante a gran variedade de opcións presentes nesta vixésimo primeira cita coruñesa coa historieta. “Hoxe en día contamos cun ecosistema diverso, moi rico, no que calquera proposta creativa ten cabida e polo tanto, vaille chegar ao seu público”. Algo que –di Prado- “hai vinte un anos, cando inaugurabamos o festival na vella Estación Marítima, parecía impensable”.

Kiosko Alfonso nunha edición de Viñetas desde o Atlántico
Kiosko Alfonso nunha edición de Viñetas desde o Atlántico | Fonte: wikipedia

Mais aí está Viñetas 2018 para demostralo. “Aprobamos a reválida, iso dende logo –ironiza Miguelanxo Prado- e por riba, a auditoría achéganos uns resultados sobradamente positivos”. Dunha banda, o Salón coruñés foi quen de atraer, á parte de todos eses artistas consagrados que acudiron este ano, “a xente emerxente que marca o que vai ser o cómic do próximo decenio”. Pola outra, os “razoablemente bos resultados” que recolleu a feira editorial nesta edición.

CONSOLIDACIÓN E CRECEMENTO DO ÁMBITO EDITORIAL

A sensación no ámbito editorial é de consolidación e ata de crecemento. Os proxectos editoriais que se puxeron en marcha nos últimos tempos e tamén os que sobreviviron á crise, amosan unha recuperación do crecemento”, asegura Prazo. Nese sentido, o máximo responsable de Viñetas engade que “é precisamente a convivencia no mercado das grandes editoriais e mais desoutras fórmulas emerxentes xusto o que garante ese ecosistema variado do que gozamos neste momento, tal e como amosou esta XXI edición”.

Miguelanxo Prado non agocha a súa satisfacción pola espectacular acollida que, un agosto máis, lle dispensou ao festival coruñés de cómic a cidadanía, tanto a propia como a foránea. “Por máis edicións que levemos ás costas, segue a ser un orgullo tremendo ver como todas as salas se enchen de visitantes, xornada tras xornada”. Tanto é así que, coma sempre, as exposicións manteranse na Coruña ata o 9 de setembro, non só para aqueles que non tiveron a oportunidade de contemplalas ata o de agora, senón tamén, como sinala Prado, “para os que prefiren agardar a que pase esta semana de convidados e charlas diarias e pasarse despois polo Kiosco, ou por Durán Loriga ou María Pita ou o Palexco, e gozalas con calma”.

A presenza nesta XXI edición daqueles autores que chegaban hai anos a Viñetas co seu primeiro traballo baixo o brazo e hoxe xa son referentes indiscutibles na banda deseñada con maiúsculas resultou especialmente grata para o director do Salón, quen, así e todo, declara “a súa alegría e tranquilidade” diante da incorporación deses novos nomes “con moitísimo talento e idades por debaixo dos 30 anos” que –vaticina Miguelanxo Prado- “dentro doutros vinte anos van ser os referentes da banda deseñada española e mais a galega”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta