Denuncian que o Concello de Cabana usou diñeiro público para apoiar un proxecto eólico

Os muíños estarán no Alto da Fernandiña, aínda que tan só tres e non os catro inicialmente previstos.

Por Galicia Confidencial | Cabana de Bergantiños | 15/08/2018 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

A Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo denuncia que o Concello de Cabana encargou dous informes consecutivos á empresa OGPO, S.L. --agora Hidrantia-- para realizar dous informes sobre o proxecto eólico Mouriños, impulsado por Fenosa Wind (Agora Naturgy), que corroboraran a súa viabilidade. Esta mesma empresa é tamén a titular do contrato de concesión da xestión da auga municipal no concello cabanés por máis dun millón de euros e beneficiaria doutros contratos similares.

Mapa de evacuación eléctrica do proxecto eólico Mouriños
Mapa de evacuación eléctrica do proxecto eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

A Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta foi publicada o pasad martes. Pero, a pesar dos reparos iniciais dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, o proxecto eólico salvou os obstáculos de afección ao patrimonio cultural, arqueolóxico e paisaxístico e prosperará no Alto da Fernandiña, aínda que tan só con 3 eólicos, e non os 4 inicialmente previstos, polo que o municipio cabanés non percibirá diñeiro algún en concepto de canon eólico.

O concello de Cabana remitiu un informe elaborado por OGPO no que se conluía que o estudo ambiental redactado pola empresa promotora “… ofrece a información suficiente (inventario ambiental, identificación e valoración de impactos, estudo de ruídos, sinerxías, de avifauna e quirópteros, de elementos arqueolóxicos, etcétera) para garantir que as obras analizadas non supoñan un impacto ambiental inaceptable”.

Posteriormente o concello cabanés volve a contratar un segundo informe á mesma empresa no que “…volve a manifestar a súa conformidade coa addenda do EsIA xa que contempla a problemática específica na zona de actuación e aporta a información suficiente para garantir que as obras non supoñan un impacto ambiental inaceptable”.

“A falla de obxectidade dos informes aportados polo concello cabanés, xa que a empresa redactora ten intereses na xestión da auga municipal e outros contratos dos que resultou beneficiaria, foi decisiva para a aprobación do documento ambiental”, denuncia Petón do Lobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta