Minuto de silencio polo asasinato machista da muller de Cabana de Bergantiños

Segundo informou o delegado do Goberno, Javier Losada, a muller asasinada polo seu marido recibiu tres disparos "polas costas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A muller asasinada en Cabana de Bergantiños recibiu tres disparos "polas costas" efectuados polo seu marido, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, despois dunha concentración celebrada ante este organismo en repulsa polo último caso de violencia de xénero na Comunidade.

Minuto de silencio polo crime de Cabanas de Bergantiños. DELEGACIÓN DEL GOBIERNO
Minuto de silencio polo crime de Cabanas de Bergantiños. DELEGACIÓN DEL GOBIERNO | Fonte: Europa Press

Sobre os feitos ocorridos na tarde do domingo, explicou que a muller, duns 50 anos, "foi asasinada despois dunha discusión familiar" logo dos disparos efectuados polo seu marido co que estaba "en proceso de separación". Ademais, dixo que "neste momento" e, á espera do resultado da autopsia, pódese confirmar que recibiu tres disparos "polas costas". Mentres, ratificou que, segundo os datos que se dispoñen, non existían denuncias previas.

Nunha concentración, na que se gardou un minuto de silencio, o delegado do Goberno subliñou que son xa tres as mulleres asasinadas este ano en Galicia e 26 en España, unha cifra que se eleva a 950 en todo o Estado desde que existen datos sobre estes casos.

"MÁXIMA UNIDADE"

Así, o delegado do Goberno, Javier Losada, fixo un chamamento a todas as forzas políticas para lograr "a máxima unidade" na "loita" contra estes casos. "Temos que estar unidos e non baixar a garda ante a violencia de xénero", sinalou tamén facendo extensivo este chamamento a toda a sociedade.

Por iso, apelou a sacar da "loita partidista un tema que compete a toda a sociedade". Así, pediu a "todos os partidos políticos" que apoien as medidas que impulse o Goberno para que a muller e os seus fillos "sexan defendidos" ante o que cualificou como actos "terroríficos". Ademais, instou ás vítimas a acudir ao teléfono 016 en caso de sufrir algún tipo de violencia de xénero.

MÁIS RECURSOS

Tamén ante o Concello da Coruña membros da Corporación municipal e persoal funcionario do Consistorio concentráronse para expresar a súa repulsa por este crime machista.

En declaracións aos xornalistas, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, reclamou de novo "a aplicación do pacto de Estado" nesta materia. "Parécenos insuficiente, pero neste momento, ante o cambio de Goberno, esperamos que polo menos se aplique o que está acordado e que en futuros exercicios orzamentarios se mellore".

Por outra banda, indicou que desde o Concello herculino se traballa na segunda fase do pacto local contra as violencias machistas, do que dixo que esperan que os veciños se "corresponsabilice como sociedade".

PENDENTE DO PASE A DISPOSICIÓN XUDICIAL

Sobre o caso de Cabana de Bergantiños, fontes xudiciais confirmaron que un maxistrado competente en violencia machista do Xulgado Número 1 de Carballo levará o caso. Tamén confirmaron que o detido, un home de 56 anos de idade, non pasará a disposición xudicial este luns.

Os feitos producíronse entre as 17,00 e as 18,00 horas do domingo, cando o home disparou á súa esposa. Ao levantamento do cadáver acudiu unha xuíza de garda do número 3 de Carballo. Fontes sanitarias apuntaron que a alerta dada ao 112 foi por disparo de arma de fogo, de modo que se mobilizaron unha ambulancia con base en Ponteceso, un médico e unha enfermeira da PAC deste municipio, así como un helicóptero do 061 con base en Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta