Por E.P. | Compostela | 31/08/2018 | Actualizada ás 12:50
Galicia rexistrou en 2017 un saldo migratorio positivo por segundo ano consecutivo, ao recibir 6.683 inmigrantes máis que emigrantes, segundo os datos publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Un saldo positivo que se mantén, sobre todo, grazas aos estranxeiros que chegan ao país.
En 2017, marcharon de Galicia 30.249 persoas, das cales 18.380 foron a outras comunidades, mentres que 11.869 marcharon ao estranxeiro. Pola súa banda, chegaron 36.932 persoas á Comunidade galega. Entre elas, 19.078 viñeron do estranxeiro e 17.854 entraron doutras autonomías.
Por provincias, o saldo migratorio é positivo en todas salvo en Pontevedra (-404). A Coruña, recibiu 5.369 persoas máis das que marcharon, mentres que en Lugo pasou o propio con 1.053 persoas e en Ourense, con 665.
En 2016, o saldo migratorio tamén fora positivo (en 3.025 persoas), após tres anos en negativo entre 2013 e 2015, cunha perda de 5.886 persoas no seu conxunto. Agora recupéranse en Galicia datos de avance similares aos de 2010.
Con todo, o nivel de emigracións mantense constante ao redor das 30.000 persoas que marchan de Galicia ao ano desde comezou a crise, aínda que agora hai un repunte de inmigracións que deixa un saldo positivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.