Por Galicia Confidencial | Madrid | 14/09/2018 | Actualizada ás 22:00
Un dos edificios máis emblemáticos da galeguidade na Arxentina, o Centro Galego de Bos Aires, corre o risco de desaparecer ou, cando menos, de perder todo tipo de rasgo identitario da súa orixe e fundamental servizo aos emigrantes galegos que chegaron a ese país.
Esta entidade foi intervida desde 2012 polo Goberno arxentino a través do Instituto Nacional de Asociativismo y Economía Social (Inaes), para "tentar mellorar a súa situación financeira". Con todo, esa intervención foi a causante dunha débeda de 55 millóns de pesos, así como da falta de pago aos case 13.000 empregados
Logo de que a Xunta se teña desatendido do Centro Galego de Bos Aires, agora é o Goberno de Pedro Sánchez o que suliña que “a pesar de observar a situación do Centro Galego con evidente preocupación, polo momento non se contempla a posibilidade de adquirir esta institución”.
Foi a resposta dada hai uns días a unha pregunta de En Marea sobre a delicada e precaria situación pola que atravesa este emblemático centro, cuxo edificio de máis de 110 anos alberga a historia da diáspora galega, ademáis de ter dado cobertura sanitaria a miles de galegos e manter entre as súas paredes un legado cultural con obras de Luis Seoane, Castelao, Laxeiro, Colmeiro ou Maside, entre outros.
SÓ BOAS PALABRAS
"Os galegos en Arxentina que poidan ter algunha dificultade para seguir a recibir asistencia sanitaria, teñen distintas alternativas ao seu dispór empregando os instrumentos dos que dispón o Estado español en Arxentina”, respondía o Goberno español que tampouco amosou un compromiso específico en relación á obra cultural cunha pinacoteca de máis de 150 obras, unha biblioteca con máis de 20.000 volúmenes e o Teatro Castelao”. "Agardemos que se preserve o legado”, sinalou.
Son só desexos e boas palabras que tamén comparte a Xunta, un goberno que nos últimos meses ten aparcada esta cuestión a pesar de que nos últimos anos mantivo un contacto cos colectivos emigrantes e as autoridades arxentiasns para tentar solucionar o problema. O presidente galego insistía este xoves que hai un “interese máximo” por parte da Xunta de manter o patrimonio cultura do Centro Galego de Bos Aires.
Os colectivos de emigrantes, coa Federación de Asociacións Galegas pídelle a Goberno español e Xunta que asuman a súa responsabilidade na crise e que se faga como co hospital Francés que se traspaso ao PAMI (organismo sanitario dos xubilados) durante a xestión da Presidenta Cristina Fernández.
Ás súas reclamacións sumouse hai uns días o Premio Nobel da Paz en 1980, Adolfo Pérez Esquivel, que lle pediu ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que “interveña” nesta crise debido á "deterioración" e "perda do importante acervo cultural", así como á "falta de pago de empregados" e "baleiramento do hospital".
Nunha carta, Pérez Esquivel instaba a Sánchez a "realizar unha auditoría" que axude a "determinar as responsabilidades e recursos económicos que provocan o baleiramento do Centro Gallego de Buenos Aires". Respecto diso, asegurou que "existen fotografías que constatan os feitos" e que "xa se realizou a denuncia penal correspondente polo traslado das historias clínicas dos pacientes", algo que está "expresamente prohibido por lei".
DECLARACIÓNS
Nos últimos tempos houbo declaracións a favor de manter o legado cultural do Centro Galego. Entre elas algunhas tan significativas como a do Parlamento Galego. Un escrito asinado en marzo deste ano por todos os grupos que considera que este centro é unha “entidade emblemática da diáspora galega no mundo” e que “require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo da súa desaparición”.
Por iso, demandaba da Xunta de Galicia e mesmo do Goberno español —a través do Ministerio de Asuntos Exteriores— vontade política para preservar e garantir a atención médica de calidade dos actuais socios e socias e a protección do patrimonio artístico, documental, bibliográfico, editorial. E tamén pedía esforzos para consensuar unha solución que impida a demolición e a especulación inmobiliaria dun predio “que debe seguir sendo referente de Galicia en Bos Aires”. Unha declaración á que tamén se sumaros os tres reitores galegos.
Pero, mentres esas peticións de apoio non se materialicen, o centro que xa é unha icona das identidades que conforman a capital porteña e que acolleu a milleiros de galegos e galegas, segue esperando na UVI un rescate que non dá chegado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.