A contaminación das augas do Umia pode acabar na Fiscalía

A Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña está disposta a levar a situación destas augas á xustiza tras a proliferación de cianobacterias.

Por Galicia Confidencial | Caldas de Reis | 18/09/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Fiscalía podería investigar a contaminación das augas do río Umia, especialmente logo da preocupante situación da presa da Baxe pola proliferación de cianobacterias. A Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña insiste na denuncia que fixo hai uns días ante a preocupante situación do río e anunciou que levará o tema á Fiscalía senón se soluciona xa que consideran que se está poñendeo en perigo á poboación e condenando ao medio natural que "teñen a obriga de protexer".

O río Umia invadido pola cianobacteria
O río Umia invadido pola cianobacteria | Fonte: pescarmona.es

A Coordinadora  subliña que o estado “tóxico do río é resultado da deixación, desidia e irresponsabilidade” de todas as autoridades que teñen que velar pola seguridade das persoas, así como pola conservación do medio natural.  Así, destaca que a eliminación da cianobacteria e a recuperación da canle só se pode conseguir desmantelando o encoro e apunta que existe a posibilidade legal de rescatar a concesión por causa de saúde pública. 

En 2006, tras o incendio de Brenntag, detectouse por primeira vez a cianobacteria Microcystis, a causante da alerta na presa. Ese mesmo ano, o pleno do Concello de Caldas -cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do PP-, acordou dirixirse á Xunta instando xa o desmantelamento do encoro por representar un perigo para a saúde e seguridade das persoas.

“O encoro de Baxe é un dous máis graves casos de corrupción do noso país, disfrazando un negocio privado como de utilidade pública e utilizando fondos públicos e antidisturbios para desposuír aos lexítimos propietarios das súas terras. Todo para converter un río vivo nun pantano putrefacto por intereses económicos”, denuncia a entidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta