Por Xurxo Ayán | | 16/05/2011
O impacto mediático dos dous acontecementos servirá para poñer no mapa unha das paisaxes máis fermosas de Galicia, empoleirada na estrema NE da terra de Lemos pero cunha identidade ben marcada. Quizabes por iso, O Incio sempre chamou a atención da Arqueoloxía galega, como foi tamén o caso do Barbanza ou da terra de Melide. A fins dos anos 60 un grupo interdisciplinar de estudosos galeguistas, discípulos serodios de Fermín Bouza Brey vencellados coa USC e mailo IEGPS, levou a cabo unha xeira de investigación polo Incio seguindo o modelo do malogrado Seminario de Estudos Galegos de preguerra. Vinte anos despois, dende a Universidade compostelá encetouse o proxecto arqueolóxico Val do Sarria-Val do Mao que permitiu dar a coñecer dous espazos nos que se proxectaron recentemente intervencións como a espectacular necrópole megalítica de Santa Mariña ou o monumental castro de Formigueiros. Elementos senlleiros dun Patrimonio que vai máis alá das mámoas e dos castros. O Incio tamén son pazos fildalgos nos que se refuxiaron republicanos perseguidos no 36.
O Incio tamén é o mármore da fermosa igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital, a presenza mozárabe no val do Mao co varón apostólico Santo Eufrasio evacuado de Andúxar no século VIII, as loitas de Mahamud no castro de Santa Cristina do Viso contra a monarquía astur, a ruína decadente do balneario das augas do Incio, a danza tradicional na honra de Santa Lucía na Cervela, as vellas ferrerías comestas polo óxido do tempo, o val do Lóuzara, camiño natural das primeiras peregrinacións, o Incio de Rubén, o mellor facedor de palletas de Europa e membro cos Corenta (meu avó e meu tío) do mítico grupo Os Agarimos. O Incio, o initium dunha viaxe abraiante. Pero de entre toda esta Terra Brava de xentes, lendas e cousas, non me podo resistir a contar a historia de Diego González, paisano de Outeiro de Hospital que emigrou na década de 1830 a Brasil. De alí pasou a Uruguai onde este galego do Incio contribuiu a garantir a independencia do estado novo uruguaio, pasando a formar parte das tropas de Garibaldi que loitaron contra o expansionismo arxentino daquela.
En 1843 Diego de Outeiro de Hospital foi un máis da afamada “Lexión italiana” victoriosa nas batallas de Cerro e San Antonio en 1846, fitos na historial nacional da República Oriental del Uruguay. Pero non quedou aí a cousa. O noso home voltou a Europa para engrosar as filas dos camisas vermellas de Garibaldi, participando na expedición dos Mil, financiada polo reino de Piamonte-Cerdeña para conquerir o reino borbónico das dúas Sicilias en 1860. Xa que logo, o camisa vermella Diego de Outeiro de Hospital foi un dos artífices da unificación italiana. Xa retirado, e galardonado por Victor Manuel II cunha pensión vitalicia polos servizos prestados, o guerreiro voltou ás terras montesías do Incio, onde, asegún os vellos de antes, nunca ía a misa e gostaba de vestir os domingos a camisa vermella, poñendo rabiosos aos rabudos cregos do lugar.
Este socialista utópico deixou unha pegada fonda no imaxinario colectivo, con ditos transmitidos de xeración en xeración do estilo “Cuando Garibaldi toca la corneta los camisas riojas calan la bayoneta” ou “Cuando Garibaldi toca la corneta obispos y frailes van a hacer puñetas”, este último moi recorrente nos anos da República e totalmente desaparecido dende 1936, cando os falanxistas deron comezo á vesania que levou ao martirio ao médico Pequeniño do Incio, entre outros. Aínda hoxe, a vella casa dos descendentes de Diego de Outeiro de Hospital leva o nome de Casa do Garibaldi. Así non me estrana nada que de todos os sitios do mundo tivese que ser O Incio no que Ánxel Fole atopase acubillo fuxindo da represión e o esquencemento trala guerra civil. De aquí saiu esa fermosa paisaxe escrita que é “Terra Brava”. Doutra volta, tamén encaixa que no Incio se modelase a alma poética do autor de “Poesía última de amor e enfermidade”. Lois Pereiro, o particular Garibaldi da miña xeración, descansa no camposanto de Santa Cristina do Viso. Alguén comenta que o viron unha noite de luar no adro da igrexa comentando capítulos de Dallas e Kung Fu co mouro Mahamud e con Diego González de Outeiro de Hospital. Ánxel Fole, fumando un xaruto, seica probaba discretamente a camisa vermella de Garibaldi, baixo una cirdeira. Historias que ninguén cre.