Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/10/2018 | Actualizada ás 11:02
Xela Arias foi unha poeta, tradutora en varias linguas e profesora galega, ligada a Edicións Xerais e moi coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. E esa longo traballo a prol da literatura e da tradución é recoñecido, agora, pola AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación) co premio Xela Arias.
“O premio ten carácter simbólico e ten tamén o obxectivo de dar a coñecer o nome de Xela Arias, por ser unha figura destacada da tradución ao galego”, sinala esta entidade. Xela Arias foi a responsábel das versións na nosa lingua de obras de James Joyce, Gianni Rodari, Jorge Amado ou Roald Dahl, entre moitas outras.
Por iso, este galardón serve para celebrar o Día Internacional da Tradución, o 30 de setembro. Con el preténdese premiar a empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego. “O seu obxectivo é dar a coñecer a profesión e pór en valor o galego como lingua de traballo”, apunta esta entidade.
As candidaturas poderán enviarse á asociación polo correo electrónico info@agpti.org até o día 18 de outubro, e o fallo será público o día 30 deste mes. Calquera persoa pode propor unha empresa, entidade ou persoa candidata por este medio. O xurado estará conformado pola Xunta Directiva da AGPTI, aínda que a asociación pode convidar outras persoas ou entidades a formaren parte.
A AGPTI é unha asociación fundada en 2001 co obxectivo de crear unha plataforma de comunicación entre os profesionais para a defensa do colectivo de traballadores e traballadoras da tradución e da interpretación, ademais da difusión da lingua galega como lingua de traballo neste sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.