Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2018 | Actualizada ás 18:04
O renovado Pórtico da Gloria poderá visitarse de forma gratuíta até sete horas e media á semana, en grupos organizados que permitirán o acceso a un total de 550 persoas, aínda que o tempo de estancia dos visitantes limitarase a 15 minutos nestes casos e non a 45 como se establece nas entradas de pago. A Catedral de Santiago informou da regulación das visitas gratuítas ao conxunto escultórico de Mestre Mateo. Poderase ver, sen cargo, unha hora de luns a sábado, de 19,00 a 20,00 horas, e en hora e media, de 18,30 a 20,00 horas, o domingo.
Fronte ás catro horas de visita obrigatoria gratuíta establecidas pola Lei de Patrimonio Cultural ao tratarse dun Ben de Interese Cultural, a Catedral destaca que serán sete horas e media —30 mensuais— as que se poderá acceder de balde, sen ter que pagar os 10 euros, en entrada xeral, que se comezarán a cobrar cando o Pórtico volva abrirse ao público.
O cobro de entrada suscitou as críticas dos grupos políticos da oposición. Foi anunciado pola Fundación Catedral nunha rolda de prensa o 21 de setembro, despois de que durante cincuenta e catro días, do 27 de xullo ao 20 de setembro, as visitas fosen gratuítas, após a restauración do espazo.
As tarifas establecidas son, de entrada xeral, 10 euros, reducida a 8 para estudantes, peregrinos, desempregados e maiores de 65 anos; de 2 euros para escolares e gratuíta para os amigos da Catedral. A visita combinada ao Pórtico, á colección permanente do Museo Catedral e a Compostela Sacra ascenderá a 12 euros, reducida a 10 e para escolares a 3.
O malestar xerado polo anuncio do cobro para unha obra cuxa rehabilitación tivo un custo de 6,2 millóns de euros —financiados pola Fundación Barrié—, levou a que no Parlamento galego, o 27 de setembro, os grupos políticos, por unanimidade, tras unha proposta do PsdeG, instaran á Xunta a que acordase coa Igrexa a visita libre e gratuíta ao Pórtico polo menos catro días ao mes.
Agora, a Fundación estableceu as visitas gratuítas nun total de sete horas e medio á semana. Serán de luns a sábado en grupos de 25 persoas que poderán permanecer no Pórtico un máximo de 15 minutos, aos que se engade o tempo para organizar a visita.
O primeiro grupo de 25 serán peregrinos, con invitación que se distribuirá na Oficina do Peregrino. Os restantes dous grupos (50 persoas en total), serán público en xeral, que deberá retirar a invitación no horario e despacho de billetes que se establecerá para evitar que se xeren colas aos accesos ao Pazo de Xelmírez.
En canto aos domingos, de 18,30 a 20,00 horas, haberá catro grupos (100 persoas). Serán composteláns, previa acreditación e retirada de invitación en horario e despacho de billetes destinado a tal fin. As invitacións entregaranse "de forma persoal e intransferible, unha vez acreditada a residencia en Santiago, presentando o correspondente certificado de empadroamento".
A Catedral volveu xustificar o cobro de entrada no obxectivo de "aproximarse ao autosostemento, con recursos propios, do esixente mantemento que demanda o Pórtico". Fai referencia así a cuestións como a monitorización, subministracións, persoal, seguridade, climatización, restauración, mantemento, xestión, atención ao público, investigación, realización de estudos, equipamentos, etc.
Deste xeito, sostén que "para garantir a sustentabilidade" recórrese " á implantación dunha entrada, destinando os ingresos, de forma exclusiva, como vén insistindo desde a Fundación Catedral, a asumir os elevados gastos anuais que leva a conservación e apertura ao público do Pórtico e a súa contorna".
OLALLA RODIL, BNG: "A IGREXA VE AÍ UNHA MÁQUINA DE FACER DIÑEIRO"
O cobro da entrada para as visitas ao Pórtico foi obxecto de debate tamén este venres no marco da Comisión de Educación e Cultura, no Parlameno Gallego.
A deputada do BNG, Olalla Rodil, cualificou de "barbaridade" e "absolutamente abusivos" os 10 euros de entrada para a obra situada nunha Catedral á que se destinaron "17 millóns de euros" de diñeiro público para o seu mantemento e conservación.
"Recuperáronse con esforzo enorme da Fundación Barrié, do Consello de Ministros e tamén da Xunta, un investimento público enorme, para ter esta xoia artística e gozar democraticamente dela, pero na que agora a Igrexa ve unha máquina de facer diñeiro", asegurou.
Mentres que os datos da Fundación Catedral sitúan en "200.000 euros ao ano o que suporá manter o Pórtico", a posibilidade de que accedan diariamente 475 persoas xeraría uns ingresos de "750.000 euros ao ano", que exceden, agregou, en "tres veces o custo do mantemento".
Rodil así o expuxo na formulación dunha pregunta na que pediu coñecer a postura da Xunta ante esta imposición do cobro da entrada.
A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Insua, respondeu que nin a Xunta nin o Estado financiaron a restauración do Pórtico, máis aló das direccións técnicas de patrimonio, e defendeu que ao tratarse dunha propiedade da Igrexa, a administración non pode oporse ao cobro de entrada.
"Nin a lei de patrimonio cultural de Galicia nin a do Estado impiden que haxa cobro de entradas, pero obrigan aos propietarios a conservar e manter os bens, sendo os propietarios os que establecen o sistema de financiamento para o mantemento deste ben, sen que por parte da Administración, a Xunta ou o Estado teñan que establecer ningún réxime, máis aló de obrigación de conservación e de visita pública", expuxo.
Paralelamente, admitiu que a Xunta tivo coñecemento da decisión de que se cobrase entrada pola rolda de prensa na que a Fundación Catedral o fixo público, algo tachado por Olalla Rodil como unha "deslealdade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.