Por E.P. | VIGO | 07/10/2018 | Actualizada ás 19:21
O Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, e os estaleiros privados Freire e Cardama, en Bouzas, foron as inusuais localizacións escollidas para abrir esta nova sección do festival, que ata este ano se celebraba unicamente na illa de San Simón (Redondela). Unha vez máis, a organización acertou dándolle ao festival un carácter moi especial ao contar con estes espazos, desde os que se pode observar a Ría de Vigo; aínda que a gran protagonista, a música, conquistou ao público cun estilo centrado na tradición pero fusionado con música experimental e electrónica e moi orientado a facer destacar as voces.
O festival arrincou o sábado no Museo do Mar (con tres escenarios: o Son Estrella Galicia, o Mar e o Grupo Viqueira) con catro concertos de acceso libre, a cargo das percusionistas Dúas; o dúo Belém Tajes e Maritxinha, co seu espectáculo de 'soulk' (soul e folk) 'Vudú'; DJ Viktor Flores; e a banda taiwanesa Sunset Rollercoaster.
Tras iso, arrincaron 16mm; JFDR String Quartet; Baiuca; e finalmente El Niño de Elche xunto a Los voluble, co seu espectáculo 'En el nombre de'. Todos eles presentaron propostas moi diversas, e nalgúns casos transgresoras, na que se mesturan instrumentos, voces e estilos.
Xa o domingo, a programación desprazouse a Beiramar, onde abriron as súas portas ao público os estaleiros Cardama, co brasileiro Castello Branco; e Freire, coa profesora do Conservatorio Superior de Música de Vigo María del Mar Blanco Moreno, quen estivo acompañada da Orquestra Clásica de Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.