Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/10/2018 | Actualizada ás 14:23
No primeiro aniversario da vaga de lumes do outono do 2017, que arrasou arredor de 50.000 hectáreas en Galicia, a Asociación Forestal de Galicia advirte de que os montes afectados corren un serio risco de abandono e de “selvatización”. Por iso, reclama un plan público de restauración que permita afrontar a recuperación dos bosques calcinados.
Esta entidade lembra que en montes de comunidades socias da Asociación Forestal de Galicia, as perdas na provincia de Pontevedra pola vaga de lumes foron de 18,9 millóns de euros, cuns custos de restauración estimados en arredor de 10 millóns de euros. “Os montes veciñais, que quedaron descapitalizados a raíz dos lumes, vense agora sen posibilidades de afrontar as necesarias tarefas de restauración dos montes afectados, nos que haberá que acometer plantacións e tarefas que faciliten a rexeneración do bosque”, denuncia.
A Asociación Forestal de Galicia agarda que este outono se materialice un plan público de restauración dos montes afectados pola vaga de lumes do 2017. Ademais, lembra que a propia Consellería do Medio Rural comprometerase a buscar financiación para impulsar este plan.
“De non acometerse, boa parte dos montes corren un serio risco de abandono e selvatización, pois ante os escasos recursos económicos propios cos que contan os propietarios, reduciranse os traballos de xestión, o que aumentará os riscos futuros de posibles incendios forestais”, alerta. Ademais, denuncia que un ano despois dos lumes, parte da madeira afectada está aínda sen retirar do monte por diversas circunstancias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.