Cineclubismo en Galicia, outras maneiras de ver cinema

Os cineclubes galegos son actualmente unha das poucas alternativas de ver cinema fóra de circuítos comerciais. Ademais diso, son nalgúns casos, testemuñas do paso da Historia grazas ás pezas que foron proxectando. Con todo, este patrimonio material en Galicia ten dificultades para continuar a súa tarefa sen un apoio moi decidido das administracións culturais.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A proxección de filmes fóra do que é o estricto terreo comercial foi e é, moitas veces, unha tarefa case de amor á séptima arte. Os cineclubes naceron como unha maneira primeiro de ofrecer algo diferente ao que proxectaban nas salas comerciais. Logo foron as vías usadas por algúns gobernos para poderen achegar á poboación a linguaxe cinematográfica e tamén, nalgúns casos, serviron de canles para a alfabetización e a instrucción para as persoas que non podía acceder ao sistema educativo doutra maneira.

Sala de cinema
Sala de cinema

“Un cineclube é unha asociación cultural dedicada á promoción, á divulgación e ao estudo do feito cinematográfico e audiovisual en xeral. As súas actividades mais coñecidas son, polo xeral, as proxeccións de filmes que non chegan doutro xeito ás pantallas comerciais (tanto de estrea como clásicos), mais tamén procura organizar charlas, cursos, certames e encontros arredor do cinema”. Isto é o que aparece na web da Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga).

O cineclubismo en Galicia “organizado na Feciga está desde hai trinta anos, pero xa na República se entendeu que podía ser unha maneira de educar a poboación e tamén de manipulación porque congregaba masas e os gañadores do golpe de estado de 1936, apoiándose na Igrexa sobre todo, animou á existencia de cineclubes”, así o manifesta Manuel Precedo, presidente da Feciga. “Estes cineclubes estaban un pouco teledirixidos, dándolle importancia ao cinema pero tamén ao factor educativo, iso a día de hoxe, segue vixente”.

Outro eido que afecta aos cineclubes é a irrupción, xa consolidada, das novas tecnoloxías. As mesmas que  permiten baixar contidos desde a rede e poden restar asistencia a estas iniciativas. “O cineclubismo sempre foi unha marxinalidade, por iso mesmo a pesar das novas teconoloxías temos unha situación estable” di Precedo.

APOIOS,  ALTERNATIVIDADE E NOVA CREACIÓN

As autoridades públicas, dependendo do nivel e do lugar das súas competencias, ofrecen axudas para diversas actividades e iniciativas culturais, pero a contía varía segundo o lugar parece ser. “A administración á parte da actividade de control sobre unhas actividades, tamén tería que apoiar estas iniciativas, cando a industria cinematográfica válese por si mesma, pero as actividades culturais e educativas precisan de apoio” reflexiona Manuel Precedo.

O que está claro para Precedo é que o cineclubismo ten, ou tería que ofrecer un tipo de programación cinematográfica que non está  presente nas salas convencionais “agás algunhas honrosas excepcións Cinemas Norte en Vigo ou Numax en Santiago, fóra de aí é un conxunto de producións case sempre estranxeiras, aínda que sexan españolas teñen detrás unha multinacional para a distribución” así pois “o cineclubismo e as honrosas excepcións que citei, son xanelas á diversidade cultural”.

A diversidade tamén significa dentro do mundo que nos ocupa, unha plataforma para lanzar novos creadores e creadoras. “Dentro da Feciga temos un catálogo alternativo para poder distribuir, logo nas memorias do cineclubes, cada ano podes ver que autores e autoras proxectaron, é habitual ver autores e autoras galegas” sinala Manuel Precedo que tamén engade “Beli Martínez, unha das produtoras do Novo Cinema Galego (NCG), apuntaba na súa tese que quen principiou a proxectar NCG foron o Cineclube de Compostela e o Cineclube Padre Feijóo”.

Non obstante, o cineclubismo ten risco de desaparecer “non na súa totalidade, porque en determinadas vilas pode ter máis potencialidade e apoio, pero logo de trinta anos de cineclubismo federado, apareceron e desapareceron cineclubes”. O caso máis recente foi o do cineclube de Lalín, “que non tivo apoio municipal, nin siquera do novo goberno local recordou darlle á vila un aliciente como o cine”. Tamén ter en conta que houbo cambios cunha incidencia negativa como “que a Xunta modificou de maneira un tanto arbitraria a lei de espectáculos”.

No campo das axudas económicas, un labor altruista como é proxectar de maneira gratuita filmes en Galicia precisa dun respaldo maior do que ten. “En Portugal, os cineclubes teñen menos asistencia que nós, pero os mesmos concellos subvencionaron a compras de proxectores estandar e nós facémolo co ordenador ou proxector blue-ray”.

OUTRAS FORMAS DE CINECLUBISMO

O Cineclube de Compostela, CCC, funciona da mesma maneira que os demais salvo a súa visión sobre dereitos de autor. “Xuntámonos para ver e aprender de filmes, a única diferencia con outros cineclubes, é que a cuestión relativa a dereitos de autor, distribución e proxección dificultan o labor dun cineclube”  di Iván Cuevas, membro do CCC, “e esa foi a razón pola que decimos saír da distribución comercial”.

“Tamén é certo que para nós a presenza dos cineclubes é esencial para proxectar un cinema que está ás marxes da industria, deses blockbusters e rompevendas que impoñen as grandes produtoras” di Cuevas. “Historicamente os cineclubes eran unha maneira de ver cinema prohibido por diversas razóns, agora non hai unha censura política pero si comercial”.  A programación depende xa de cada un dos espazos de proxeccións. Desde filme militante, cinema independente, novos e novas autoras que experimentan cos formatos.

O cineclubismo é por tanto, unha maneira de ver cinema fóra das grandes salas, tendo cabida producións que, en boa parte, son alleas ás grandes cadeas de distribución e produción. A súa existencia permite achegarse ao cinema en lugares con pouca ou nula presenza de salas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Sempre é uma boa nova ter a oportunidade de ver algo diferente das grandes produções. A pergunta é alguma destas projeções serão em idioma galego? Por que os galeg@s renunciamos a vê-los filmes no nosso idioma nas grandes salas? Para quando poderemos ver as grandes estreias em galego? Não há versão em galego, aproveitemos a versão do português do Brasil.

1 cambio de linea editorial

joer!!!! tan mal esta a xuntanza EN MAREA...