Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 18/11/2018
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización profesional que pretende promover o uso do galego nos servizos sanitarios, vai celebrar o vindeiro día 24 de novembro a súa 8ª Asemblea anual en Vigo. Lembrará nesta ocasión a figura de Chano Piñeiro, auténtico pioneiro do cinema galego, comprometido con Galicia e coa súa lingua, e que tamén exerceu a súa profesión de boticario. O cine foi a súa paixón, desde que a súa dona Mariluz Montes lle regalou a primeira cámara de super-8, pero a profesión dos dous foi a de boticario/-a, despois de estudar Farmacia na Universidade de Santiago.
En 1979 Chano Piñeiro e a súa dona abriron unha botica na rúa Torrecedeira de Vigo. Nesa cidade pasou toda a súa vida, truncada precozmente en 1995 (aos corenta anos) por causa dunha doenza crónica; hoxe é unha personalidade moi recoñecida e o seu traballo cinematográfico forma parte esencial da historia do noso cinema (o curto Mamasunción e a longametraxe Sempre Xonxa son dous fitos esenciais da cultura galega).
Chano Piñeiro tivo a mala fortuna de convivir desde mozo cunha doenza que o condicionou de forma notable e que provocou a súa morte prematura. Mais tivo, tamén, a sorte de posuir un entusiasmo contaxioso, de ser unha desas persoas afortunadas que veñen ao mundo destinadas a cumprir unha misión. El soubo moi pronto que a súa vida estaría dedicada a facer cine galego e en galego. A cinematografía non existía en Galicia naqueles tempos iniciáticos (anos 70-80), e tivo que superar numerosas dificultades (sobre todo económicas) para sacar adiante os seus proxectos. Empregou todas as súas forzas neste empeño e agora a súa figura e a súa obra son un referente da nosa cultura. Hoxe existe unha activa industria cinematográfica galega e un plantel de profesionais (actores, directores, guionistas...) de gran nivel, que lle deben moito á perseverancia e ao traballo incesante de Chano Piñeiro naqueles primeiros anos da Transición.
Para honrar a súa figura a ISAGA vai descubrir unha placa na rúa Menéndez Pelayo de Vigo, na casa onde viviu en compañía da súa dona Mariluz; o acto será o vindeiro venres, día 23, ás cinco da tarde. Ao día seguinte, sábado, ás 12.30 horas, celebrarase a Asemblea anual da Irmandade (na sede do Colexio de Médicos de Vigo -rúa Ecuador, 84-) coa incorporación dunha ducia de novos irmandiños. No acto recordarase novamente a figura do cineasta coa proxección dun documental e a intervención do seu biógrafo, Francisco Rozados. A entrada a este acto será libre.