Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2018 | Actualizada ás 14:09
A Inspección Provincial de Traballo da Coruña elaborou un informe ao que tivo acceso Galicia Confidencial. Dito documento conclúe que a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia cometeu diversas irregularidades en materia laboral e social. O aspecto máis problemático ten a ver coa realización de horas extra por riba do máximo legal. Isto podería levar a accións sancionadoras por parte do organismo inspector.
Hai un mes, Galicia Confidencial preguntáballe ao avogado da empresa sobre as diferentes denuncias dos traballadores e que foran dadas a coñecer polo sindicato Comisións Obreiras (CCOO). O asesor xurídico de Proxecto Home negou que houbese irregularidades e pedía a CCOO “que saquen os papeis da Inspección”.
Nos papeis da Inspección de Traballo este organismo considera probado que en 2017 os traballadores monitores de noite superaron o máximo de 80 horas extras anuais. Por esta razón, a autoridade laboral procede “a iniciar procedemento sancionador pola comisión dunha infracción grave”. Ademais, insta á empresa “ao pagamento dos salarios resultantes e das diferenzas de cotización”.
Outra das cuestións negadas por Proxecto Home era o non pagamento da totalidade dos salarios en casos de baixa médica, conforme obrigaba o convenio. Aínda que o avogado de Proxecto Home negou este punto, a Fundación recoñecía esta irregularidade diante da Inspección e prometía subsanala: “A empresa recoñece a dita situación [...], amosando a súa disposición a regularizar a situación”, recolle o informe.
Ante esta irregularidade, a Inspección emite un requirimento para que se proceda a “complementar ata a porcentaxe indicada no convenio [...] a prestación de IT [incapacidade temporal], debendo ingresar as diferenzas de cotización resultantes”. No seu día, CCOO calculara o desfase en preto de 14.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.