Por Europa Press / Redacción | VIGO | 29/11/2018 | Actualizada ás 20:21
A dirección do festival O Marisquiño, en Vigo, expresou este xoves a súa "decepción" porque a Xunta de Galicia se nega a "achegar un financiamento extraordinario ao festival" con motivo do próximo Xacobeo, tal e como indican que eran as súas "expectativas".
"A decepción foi enorme por inesperada e desde a organización non cabe outra explicación que o desinterese da Xunta de Galicia por investir no maior evento de Cultura Urbana e Deportes de Acción do sur de Europa por causas exclusivamente de política local", sostiveron desde O Marisquiño.
O festival manifestou que mantiveron conversas "con Presidencia cando Alberto Núñez Feijóo visitou o festival hai dous anos, con Vicepresidencia cando Alfonso Rueda se reuniu coa dirección do evento o ano pasado en Pontevedra e por último, coa nova Consellería de Cultura e Turismo, dirixida por Román Rodríguez, que recibía o festival en Compostela hai dúas semanas", que finalmente "non tiveron resultado".
A organización do evento indicou que se sente "decepcionada e enganada" após as "reiteradas promesas" do Goberno galego de colaborar "dunha forma máis comprometida" co festival de cara á promoción do Xacobeo 2021.
Pola súa banda, a Xunta explicou que O Marisquiño solicitou "unha achega extraordinaria de 150.000 euros" a maiores da que xa recibe por parte da Consellería de Cultura e que se lles ofreceu "seguir achegando a mesma cifra que en anos anteriores, deixando aberta a posibilidade dun pequeno incremento". Ao que a organización do festival lle tería contestado coa súa "renuncia" ás axudas, segundo a versión do Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.