Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2018 | Actualizada ás 14:58
A vicesecretaria de Comunicación do PP, a galega Marta González, xustifica que o Partido Popular vaia a votar agora en Madrid a favor do traspaso da AP-9 a Galicia en evitar un "agravio" aos galegos, despois de que o Goberno cedese ao País Vasco a titularidade da AP-1.
A tramitación da lei para a transferencia a Galicia da Autoestrada do Atlántico debaterase o martes no Congreso, despois de que o executivo de Pedro Sánchez levantase as reservas que sobre este asunto mantivo o Goberno de Mariano Rajoy e que evitaron mesmo que a cuestión se chegase a debater, a pesar de que había un posicionamento unánime no Parlamento galego.
Agora, a vicesecretaria de Comunicación do PP, Marta González, en entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, argumenta que a "razón fundamental da negativa do Goberno do Partido Popular era precisamente a consideración da AP-9 como unha infraestrutura de interese xeral", xa que comunicaba dous países, España e Portugal, e "infraestruturas críticas como tres aeroportos".
En cambio, agora asegura que "foi o Goberno do Estado o que mudou a súa posición con respecto ás autoestradas do Estado", ao acabar de cederlle ao País Vasco a titularidade da autoestrada AP-1, polo que "sería un agravio para os galegos, se esta é a posición xeral do Goberno". A pesar de apuntar que se descoñece cal será o sentido do voto do PSOE, Marta González suxire que debería ser "favorable" tras o sucedido coa AP-1, aínda que despois verase "cal é a mellor maneira de que esa transferencia se faga unha realidade para os galegos, para Galicia".
"RETA" A LOBEIRA (BNG) A DEMOSTRAR QUE O PP ANIME A ACTOS VIOLENTOS
Marta González tamén respondeu ás declaracións este sábado do secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, que aseguraba que os "discursos" do PP, Ciudadanos e Vox xeraban o "caldo de cultivo" para que se producisen agresións, como a denunciada por un integrante de Galiza Nova que levaba unha camiseta de Galicia.
Ante esto, González asegurou que desde o Partido Popular rexéitase "todo tipo de violencia exercida sobre persoas, que o único que fan é mostrar a súa elección política". É máis, "retou" a Lobeira a "atopar algunha referencia, algo dito por algún responsable do Partido Popular no que se anime a realizar calquera acto de violencia contra outra persona".
EQUIPARA PACTOS CON VOX CON PODEMOS OU INDEPENDENTISTAS CATALÁNS
A vicesecretaria de Comunicación do PP confirmou que o secretario xeral da formación, Teodoro García Egea e o seu homólogo en Ciudadanos, José Manuel Villegas, reuniranse este luns para tratar de alcanzar acordos para gobernar en Andalucía, e pechar a etapa dun goberno socialista "ineficaz e corrupto". Nestas negociacións, González asegura que o PP non vai renunciar "de ningunha das maneiras" a que o eventual pacto estea encabezado polo candidato popular Juanma Moreno. Aínda que Vox, que obtivo 12 escanos, xa manifestou que "non tiña intención" de entrar no hipotético goberno autonómico, Marta González non rexeita claramente posibles pactos.
A pesar de posicionamentos de Vox a favor de derogar a Lei de Violencia de Xénero ou contra o Estado das Autonomías, Marta González replica que "chama moito a atención" "que se diga que é unha formación coa que non se pode falar cando o PSOE se sustenta nos votos de independentistas cataláns, de Bildu, de Podemos" que mesmo "traballan activamente por acabar coa Constitución" e, algúns, por "acabar con España" tal e como se coñece actualmente.
E na mesma liña, Marta González argumenta: "Parécenos sorprendente esta gran preocupación que existe agora polos votos que fixeron chegar a Vox ao parlamento andaluz, xa que un voto é un voto, independentemente de a quen vaia, os votos que lle deron os escanos ao Partido Socialista ou Adelante Andalucía son do mesmo valor que os que levaron a Vox a ter 12 escanos, iso temos que asumilo e é unha premisa democrática básica e por tanto non entendemos tantísima preocupación".
En todo caso, remarca que o PP ten "programa propio" e que negociará co resto de forzas políticas "tendo como límite a Constitución". No caso das comunidades históricas insiste en que teñen "Estatutos que establecen indicacións moi precisas sobre cales son as decisións que se poden e non se poden tomar".
ARTIGO 155
Con respecto á situación de Cataluña, afirmou que é "moi preocupante que Quim Torra estea a converterse en aliado imprescindible dos violentos" e puxo o foco no Goberno de Pedro Sánchez e no descoñecemento da opinión do "ministro do Interior", sobre as acusacións aos Mossos. Para a vicesecretaria de Comunicación do PP, "é evidente" que o Goberno continúa tentando obter apoios aos PGE e estase en "esa tira e afrouxa na posibilidade de continuar sostendo ao Goberno por parte das forzas independentistas".
No entanto, para a representante popular, o debate ao redor dos orzamentos e o déficit de gasto utilízase polo Goberno como "tinta de lura" para evitar que se fale "de cousas que son evidentemente desagradables e incómodas para o Goberno socialista", por exemplo, os resultados das eleccións andaluzas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.