Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2018 | Actualizada ás 17:52
Un referendo organizado por plataformas de estudantes nas tres universidades galegas e no que participaron máis de 8.000 persoas arroxou un resultado do 90% a favor de instaurar unha república en España. O referendo celebrouse nos campus da Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol e Ourense. Nos de Lugo e Pontevedra, aínda que non se fixo, "é posible que se leve a cabo no futuro", adiantaron representantes das plataformas que promoveron esta iniciativa.
Tal e como explicaron, a intención é que este proxecto "non quede simplemente no referendo", senón que leve a "máis análise" e "abrilo a máis sectores". "Queremos transmitir, sobre todo, que queremos abrir nas universidades un espazo de coñecemento e de debate", expresaron.
Esta iniciativa iniciouse no barrio madrileño de Vallecas o pasado 23 de xuño e foi levado ao ámbito académico por primeira vez o 29 de novembro na Universidade Autónoma de Madrid (UAM). A partir de entón, o 4 de decembro celebrouse noutras como a de Pompeu de Fabra de Barcelona e a de Vigo.
Xa este mércores 12 de decembro, e despois de varias "asembleas" estudantís abertas, segundo explicaron, sumáronse á consulta os universitarios de Ourense, Santiago, A Coruña e Ferrol.
Aínda que entre as preguntas formuladas nos distintos campus houbo pequenas variacións, a principal cuestión exposta era se se estaba "a favor de abolir a monarquía e impulsar procesos constituíntes para instaurar a República".
RESULTADOS POR CAMPUS
Por campus, en Santiago a participación foi a maior, cun total de 3.592 votos emitidos e o 92% a favor do si á república. Na Coruña, dos 2.064 votos emitidos, o 87,69% optou por abolir a monarquía; mentres que en Ferrol participaron 151 estudantes, o 84,7% a favor desta opción.
En Vigo, onde participaron 1.584 persoas e o 90,59% votou pola república, destacaron que a participación foi maior que os comicios ao claustro universitario do pasado mes de abril: "Hai máis xente que se preocupa por esta cuestión que polas eleccións universitarias". No campus de Ourense, de 713 persoas, o 90,74% votaron pola república.
En vista dos resultados, que acumulan unha gran maioría en contra da monarquía, os representantes das distintas plataformas abordaron que "a mocidade cre que nunca antes a monarquía borbónica estivo tan desprestixiada".
O DEREITO DE AUTODEREMINACIÓN DOS POBOS
Ademais, incidiron no "dereito de autodeterminación" dos pobos como "un dos puntos principais" tratados nas asembleas, criticando o apoio da Casa Real á "represión" do pobo catalán no 1 de outubro de 2017 e á aplicación do artigo 155 da Constitución nesta Comunidade.
No ámbito galego, as plataformas definen a Galicia como "pobo" e suxiren a apertura de "procesos constituíntes para unha posible futura república" que recoñeza a súa "autodeterminación", un punto recollido na Declaración Universal de Dereitos Humanos que "o Estado asina pero non cumpre".
"Entendemos que a república ten que ser moito máis profunda, unha democratización de todo: no social e no territorial", manifestaron, posto que, ao seu modo de ver, "é o pobo o que ten que decidir como todo iso se pode materializar". "Non poñemos nada por enriba da democracia", sentenciaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.