Volven pedir o derrube do encoro do Umia pola alta concentración de bacterias na auga

A petición aparece logo de que expertos alertasen de novo da perigosidade das bacterias presentes na auga do río.

Por Galicia Confidencial | Caldas de Reis | 21/12/2018 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A Coordinadora Contra o encoro do río Umia fai un novo chamamento público “ao alcalde de Caldas e ao resto dos portavoces políticos que integran o chamado Comité de Crise” para que afronten “con valentía, responsabilidade e sentido común o problema da auga do Umia”. Esixen á Xunta de Galicia que se derrube o encoro, que consideran “a causa única e última que produce a toxicidade da auga”.

Esta reacción sae á luz logo de que o profesor da Estación de Hidrobioloxía da USC, Fernando Cobo, sinalase que fará un seguemento da situación actual no Umia. O mesmo Fernando Cobo dixera no mes de agosto de 2018 que mentres continuase o encoro habería que sufrir as cianobacterias, organismos presentes en altas cantidades na auga do Umia.

O río Umia invadido pola cianobacteria
O río Umia invadido pola cianobacteria | Fonte: pescarmona.es

Para a Coordinadora, estas delcaracións confirman o que denuncian  “desde hai anos sobre os danos que produce o encoro e sobre as mentiras reiteradas da Xunta” de que “a auga está en condicións para abastecer á poboación e de que a aberración que fixeron no río ten beneficios” para a veciñanza.

Por outra banda, no comunicado emitido pola Coordinadora, apúntase que o profesor Fernando Cobo “afirma que na actualidade non só a inxesta ou o contacto coa auga supón unha amenaza para a saúde, senón que a súa inhalación xa pode ter efectos perniciosos a medio e longo prazo”.

Outro extremo apuntado pola Coordinadora e que “leva vinte anos denunciando que a Xunta defende con falsedades os intereses privados das hidroeléctricas, facendo negocio co río a costa do interese público”. Sinalan ademais que a “obriga da corporación de Caldas é a de adoptar medidas valentes para loitar contra esa inxustiza”.  Por iso “non comprenden que a mensaxe non sexa clara sobre o que hai que facer para arranxar o problema, trasladando á xente medidas paliativas para un problema que non hai porque soportar.”

No comunicado tamén se engade que “é xa claro e meridiano que a toxicidade provén da auga encorada, polo que desaparecido o encoro desaparece o problema”. “Non hai nin unha soa razón de interese público para manter o encoro senón todo o contrario. Só intereses exclusivamente privados levaron á situación actual do Umia”, por iso “resulta incomprensible que se estea a falar só de medidas paliativas, recoñecendo, dalgunha maneira, que o encoro vai seguir ahí”.

Actualmente Augas de Galicia, xunto coa Consellería de Sanidade, realizan seguementos de concentracións de bacterias prexudiciais para a saúde. Galicia Confidencial contactou con Augas de Galicia, que remitiu ao informe de seguemento no enlace https://siam.xunta.gal/resultados-do-seguimento-de-cianobacterias, aínda que no momento de acceder, non se puido ver ningún informe actualizado. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta