Por Xurxo Ayán | Santiago | 05/07/2011
Visitamos o GPNR State Youth Sport Bureau da cidade, un edificio que abrangue dende unha biblioteca á oficina de información xuvenil. O máis semellante que teño visto a unha Deputación galega, pero sen luces, tanto a construción coma os funcionarios postos a dedo. Na porta, bicicletas chinesas marca Phoenix, decoradas con flores. Un rapaz degoldrado nunha escaleira le a versión inglesa de “A volta ao mundo en oitenta días” de Verne. Mentres agardamos polo xefe, a quen hai que ir procurar á súa casa, a media mañá, damos unha volta curiosa pola biblioteca.
Un rapaz nuer móvese pausadamente, cun aquel ritual, pousando volumes nos chineros comestos por insectos prehistóricos, repoñendo a ciencia en cadansúa estantería. O silenzo e a tenue luz fan da sala un verdadeiro templo do saber, ao xeito da Lección de Anatomía. Ao fondo de todo, a estantería de Historia de África comparte escenario coa Historia de Norteamérica. No primeiro estante topamos cun volume histórico de moito valor para os bibliófilos máis rebuscados: “History of Egypt”, unha historia das dinastías XVII e XVIII firmada por W. M. Flinders Petrie, Londres, 1896.
A influencia estadounidense nesta zona do mundo é moi grande e vén de antigo. Existe todo un turismo presbiteriano que se remonta aos hospitais e escolas fundadas no primeiro terzo do século XX. As misións contaron co beneplácito dos emperadores abisinios desta banda, e da outra co apoio das autoridades coloniais británicas en Sudán. A guerra civil sudanesa das últimas décadas non fixo máis ca consolidar estes azos. Moitísimos rapaces foron adoptados, acollidos e formados en U.S.A., país que segue a ser un referente vital e o principal apoio para o futuro. Incluso o turismo do Parque Nacional de Gambela vive dos ianquies que percorren a sabana en jeeps de luxo con escolta armada.
Os adolescentes das etnias nuer, añuak, opuuo, grupos étnicos que trapasan a fronteira etío-sudanesa seguindo o seu gando e visitando os seus familiares, adoptan xestos e maneiras de vestir de macarra rapeiro do Bronx. Os vídeos emitidos pola MTV por satélite copan o interese da audiencia nas vilas de estrada e na capital, xunto cos partidos da Premier League inglesa, emitidos en Soccer clubes, non en Football clubes. Nenos que desenvolven o mesmo modo de vida nómade que retrataron no seu día Evans-Pritchard ou Lenni Riefensthal, van cazar xabaríns ou teitar cabanas cun attrezo sincrético que mistura as pintas de xogador da NBA, Eminem ou superhore americano.
A violencia segue sendo moeda de curso legal. O Parlamento rexional é todo un encaixe de bolillos para manter o equlibrio entre a manchea de grupos étnicos, cada quen cos seus intereses, a súa relixión e a súa cultura. En 2005 houbo graves enfrontamentos, cunha masacre de añuak levada a cabo polo exército fronteirizo e milicias armadas. Malia a intervención do Estado existe todo un repouso de medo, de tensión interétnica. Durante moitos anos o Exército de liberación de Sudán do Sur (SPLA) acampou ás súas anchas por esta zona periférica de Etiopía, con bases de suministro e acampamentos de formación militar. Esta vella relación pode ser fructífera e rendible agora en tempos de paz. E as elites políticas de Gambela sábeno, fartas do centralismo de Addis Ababa. Neses días que estivemos alí tiña lugar unha convención entre autoridades de Sudán do Sur e de Gambela paa acometeren políticas comúns e infraestruturas. O tratamento que se lle deu ao evento era de cumio internacional. As bandeiras de ambos os dous países ondeaban pola cidade. No Baro Hotel puidemos ver de primeira man toda a parafernalia da que gostan os xefes africanos. Carrocetas Toyota con soldados armados até os dentes, comitivas interminables, adláteres e pseuxornalistas, conformaban unha feira na que se podían distinguir aos xerifaltes sen problema, co seu bastón de mando e senllos xenerais a cada beira. Outro elemento importante é o que adoitan levar sobre os miolos: un chapeu texano. Alguén vai ter que estudar algún día esta querencia dos líderes terceiro mundistas polo sombreiro vaqueiro: Obiang, Bush, e o líder de Sudán do Sur, Salva Kiir. Que o vindeiro presidente deste novo país leve ese sombreiro ao John Balan, xa anuncia por onde van ir os tiros.
A comitiva de Sudán do Sur actuaba de facto xa en 2010 coma un país independente. Bandeira propia, insiginias militares de seu, tratamento de xefes de Estado e avión propio. Agardando por estudantes etíopes que viñan traballar connosco, aínda tivemos ocasión de despedir á comitiva de Sudán do Sur. O aeroporto de Gambela é unha explanada tomada polos militares, cun combarrizo a xeito de edificio de recepción de visitantes. Todo estaba cancelado até que o avión do novo estado iniciase o voo. Cooperantes, estudantes, misioneiros, soldados, prostitutas, políticos abrazafarolas, homes de negocios chineses... suabamos a gota gorda a 45 grados á sombra vendo como se sentaban as bases do futuro dun novo país. Uns soldados de Sudán do Sur bebendo cadansúa Coca Cola fitaban cara a televisón esquelética do pendello do aeroporto. A película que botaban, en versión orixinal, era... Rocky.