Por Galicia Confidencial | Lourizán | 23/12/2018 | Actualizada ás 20:00
Os veciños de Lourizán levaron a cabo un novo acto simbólico na concentración semanal deste domingo no “Campo da Dignidade”, nesta ocasión baixo o título “As alegacións son papel mollado para a Xunta”.
O acto consistiu nunha recreación do rexistro da Xunta, na que os veciños entregaban as súas alegacións, a conselleira Ethel Vázquez dáballes o rexistro de entrada e o presidente Alberto Núñez Feijóo metíaas nun recipiente de auga para a continuación tiralas nun váter.
Desta maneira, tratábase de denunciar que a fase de alegacións, en xeral, e a do novo emisario submarino, en concreto, é "un mero trámite para a Xunta de Galicia". E que "as alegacións que presentan as diferentes entidades e a cidadanía, por moi ben fundamentadas que estean, son papel mollado".
Isto ponse, segundo os denunciantes, ponse de manifesto no feito de que antes de finalizar a fase de alegacións do novo emisario submarino —á áltura da praia de Portocelo—, a Xunta xa anunciou a súa licitación para marzo e xa o incluíu nos presupostos do ano que vén
Os veciños denunciantes lembran que "cando a empresa CIISA redactou o proxecto do emisario actual no ano 1989, baseaba as solucións propostas en estudos que, como agora, concluían en considerar como idónea a solución adoptada".
"Fronte ás alegacións que se presentaron, a resposta rotunda da Administración foi sempre a de afirmar que se podía asegurar que non ía haber afección ningunha sobre a calidade das augas de baño, nin sobre os bancos marisqueiros e bateas, nin sobre a illa de Tambo. E tampouco tiveron en conta o Informe da bióloga da ría de Pontevedra, Rosa Ramonell Goyanes, nin o do presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Ernesto Vieitez Cortizo, que advertían do desaconsellable de levar adiante tal decisión pola incidencia negativa sobre os cultivos mariños, as augas da ría e a Illa de Tambo", argúen.
Os denunciantes consideran que "non só quedaron demostradas estas afeccións, senón que son o punto forte para xustificar a necesidade de instalar un novo tubo emisario para as augas residuais urbanas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.