O paso de 'Herminia': 2.000 incidencias en Galicia con desbordamentos e máis de 1.200 raios en 24 horas

Así mesmo, o temporal ocasionou problemas no servizo eléctrico en distintos puntos da comunidade, e afeccións en tráfico ferroviario e transporte de ría, aínda que a situación normalizouse

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2025 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

A borrasca 'Herminia' dá, á espera da entrada de 'Ivo', as súas últimas rabexadas e o número de incidencias rexistradas en Galicia polo servizo de emerxencias do 112 desde o fin de semana ascende a case 2.000. Así mesmo, o temporal ocasionou problemas no servizo eléctrico en distintos puntos da comunidade, e afeccións en tráfico ferroviario e transporte de ría, aínda que a situación normalizouse.

A pesar de que o temporal está en remisión, en Galicia aínda se rexistraron nesta xornada un total de 148 incidencias, o que eleva a 1.986 todas as computadas polo 112 no últimos tres días por mor das malas condicións meteorolóxicas.

A provincia da Coruña (817) é a máis afectada, seguida de Pontevedra (721), Lugo (313) e Ourense (131). En todo o territorio galego, os municipios máis afectados foron os de Vigo (133), Santiago e A Estrada (60), Pontevedra (48) e A Coruña (44).

Do mesmo xeito que en anteriores días, as intervencións por árbores ou ramas en vías de circulación segue acaparando a maioría de esforzos, rexistrándose ata 941 incidencias desta tipoloxía. Os servizos de emerxencias interviñeron en 295 para previr riscos e a cantidade de reportes ao 112 Galicia por cables de luz ou de teléfono en estradas alcanzou os 163.

MÁIS DE 1.200 RAIOS EN 24 HORAS

Entre outras incidencias, o 112 destaca que este martes o que un raio rompeu o muro dunha igrexa, en Ortigueira (A Coruña). E é que, segundo informa Meteogalicia, máis de 1.200 raios caeron sobre a comunidade nas últimas 24 horas.

No que respecta aos refachos de vento, no medidor de O Xistral, en Muras, rexistráronse de ata 140,3 km/h sobre as 1,10 horas da pasada madrugada.

Nesta conxuntura, continuáronse rexistrando caídas de árbores e sinistros polo mal tempo. En Sada, parte dun tellado caeu á vía pública, sobre uns coches, aínda que non causou danos persoais. Namentres, en Vilalba, un camión que transportaba leite chocou contra unha árbore, aínda que afortunadamente os danos foron unicamente materiais.

DIVERSAS INCIDENCIAS EN VIGO

En Vigo, desde o mediodía de onte, os Axentes da Policía Local de Vigo atenderon un total de 67 incidencias provocadas a consecuencia da climatoloxía adversa, incluídas algunhas caídas de árbores e ramas.

Houbo varios operativos por mor de problemas con postes e a iluminación pública e tamén danos en infraestruturas. Por exemplo, na Rúa Val Miñor recibiuse aviso sobre un ferro do estadio de Balaídos a piques de desprenderse.

Segundo informou a Policía Local, a dun tellado desprendeuse en López Moura, e en Pi e Margall a problemática foron tellas dun edificio con risco de caída. Tamén se rexistrou o desprazamento de colectores en varias rúas.

Do mesmo xeito, houbo desprazamentos de terrazas e en Pinguela informouse sobre un derrube de muro obstaculizando a circulación, retirando parte do mesmo para restablecer a circulación, e sinalizando o obstáculo na calzada.

RÍOS DESBORDADOS

Desbordamento do río Miño, a 28 de xaneiro de 2025, en Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press
Desbordamento do río Miño, a 28 de xaneiro de 2025, en Lugo, Galicia (España).. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Desde o pasado sábado, ademais, a Xunta mantén activo o 'Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) de seguimento do nivel de ríos debido a posibles desbordamentos puntuais nos seus cursos.

Segundo os últimos datos facilitados por Augas de Galicia, nestes momentos rexístranse niveis superiores aos límites de seguimento fixados no Dubra, Tamuxe (O Rosal), Landra (Insua, en Vilalba), Anllóns (Ponteceso), Tambre (Oroso), Lérez (Pontevedra), Landro (Viveiro), e Mandeo (Betanzos).

Idéntica situación dáse no Masma (Mondoñedo), Verdugo (Ponte Caldelas), Ouro (Foz), Umia (Caldas de Reis) e Arnoia (Allariz). Fontes municipais confirmaron, así mesmo, a Europa Press que o Tambre desbordou en varios puntos en Oroso, aínda que a situación está controlada.

CRECIDA NO MIÑO E PROBLEMAS COA TRAÍDA EN CASTRO DE REI

Na provincia de Lugo producíronse problemas nalgunhas estradas provinciais e o centro de control da conca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil informou de que a estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH) N0001 no río Miño, en Lugo, rexistraba uns niveis que superan o limiar de prealerta.

Por iso, desde a área de Transición Ecolóxica advertiuse que non se recomenda o tránsito peonil no tramo do Paseo do Miño entre o balneario de Lugo e o restaurante O Muiño, debido á crecida do río ao seu paso pola cidade.

Ademais, faise un chamamento á cidadanía para pedir que non se acheguen ata as zonas inundables próximas aos ríos para evitar correr riscos innecesarios e non pór en perigo a súa seguridade.

En Castro de Rei, o Concello emitiu un aviso urxente aos veciños debido ás consecuencias da borrasca, que provocou desbordamentos no Miño e no Azúmara. As inundacións afectaron as instalacións municipais de bombeo da auga, polo que a auga da traída presenta unha elebada turbidez que desaconsella o seu consumo.

Co obxectivo de garantir o acceso á auga potable, o Concello activou un servizo de subministración alternativa dirixido aos fogares que dependen exclusivamente da traída municipal, especialmente nas zonas urbanas do municipio.

ARZÚA E BOIRO

Por outra banda, os bombeiros do parque provincial de Arzúa informaron de que nas últimas horas da pasada xornada foron mobilizados para participar en varios operativos para retirar árbores caídas en Arzúa.

Na mañá deste martes foron tamén mobilizados para proceder á retirada dunha árbore caída sobre o Camiño de Santiago no lugar da Pena, na parroquia do Barreiro, en Melide.

Igualmente, bombeiros do parque de Boiro participaron nun operativo provocado polo desprendemento dunha árbore sobre unha nave comercial en Cimadevila. A árbore afectou o mobiliario e debido á súa envergadura foi preciso notificar a incidencia a unha empresa especializada para facer emprego de maquinaria máis especializada e así reducir os danos ao máximo.

TREN, TRANSPORTE DE RÍA E CENTROS EDUCATIVOS

Así mesmo, tras sufrir afeccións aínda ao longo desta mañá, fontes de Renfe informaron de que a circulación entre A Coruña e Ferrol quedou restablecida con normalidade. Tamén desde Naturgy normalizouse "" a cobertura eléctrica, despois de que miles de familias estivesen sen luz a causa do temporal.

Tamén o transporte de ría en Vigo quedou completamente normalizado desde as 14,00 horas deste martes.

En canto aos centros educativos afectados na pasada xornada, fontes da Consellería de Educación informaron de que no IES da Pobra do Caramiñal xa se retomaron as clases. No colexio Pilar Maestu Sierra, polo momento, segue suspendida a actividade á espera do informe que remita o Concello sobre a situación da infraestrutura municipal afectada.

No caso do CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera (Val do Dubra) xa se retomaron tamén as clases.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta