Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/01/2025 | Actualizada ás 21:15
ADEGA vén de presentar alegacións ao proxecto mineiro "zombi" de Cobre San Rafael nos concellos de Touro, O Pino e Vila de Cruces. Trátase do mesmo que xa fora rexeitado en 2021, resucitado pola Xunta con aínda máis impactos e máis contaminación. Foi a administración galega a que permitiu en novembro pasado a tramitación dun proxecto substancialmente idéntico ao que xa rexeitara en 2021, desbotando a posibilidade legal de inadmitilo, ao abeiro do artigo 41 da Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental. Esta norma permitía descartar a proposta de Cobre San Rafael se "xa se ditase unha declaración de impacto ambiental desfavorable nun proxecto substantivamente análogo ao presentado", como é o caso.
"Tramitándoo, a Xunta amosou xa de entrada a súa absoluta comenencia coa mineira, e gasta de novo tempo e recursos públicos nunha iniciativa que nunca debeu traspasar os portelos da administración", denuncian os ecoloxistas.
EMISIÓNS CONTAMINANTES
Na documentación, Cobre San Rafael informa só das emisións de 10 substancias: CO2, CO, PM10, PM2,5, NO2, SO2, As, Cd, Ni e Pb. Porén, non cuantifica outros contaminantes importantes xerados na actividade mineira, quer o Cu, Zn, Hg, Mn, V, Cr, Co, CH4, ademais de compostos orgánicos volátiles (COV), compostos orgánicos volátiles non metano (COVNM) ou hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP). ADEGA lembra á Xunta que en aplicación dunha recente sentenza do TXUE, as administracións "deberán ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsibles, á vista da natureza e tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan emitir a instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación".
En comparación, outro proxecto similar, "RIOTINTO” da empresa ATALAYA RIOTINTO MINERA, S.L.U., que aspira a entrar no capital da mineira de Touro e explota unha mina de cobre a ceo aberto en Huelva, declara no rexistro PRTR a emisión de 17 contaminantes. "Resulta tamén significativo que as cantidades de contaminantes informadas pola empresa neste proxecto son sensiblemente superiores ás declaradas por explotacións similares", denuncia Adega.
CONTAMINANTE COMO RIOTINTO EN HUELVA
Por iso, critica que o proxecto de CSR para Touro-O Pino utiliza o mesmo sistema de explotación e beneficio do recurso que o de Riotinto en Huelva. "Producindo menos Cu metal ao ano, emite considerabelmente máis metais pesados, óxidos de xofre e monóxido de C que aqueloutro", engade.
Deste xeito, e comparando as cantidades determinados contaminantes calculadas para este proxecto coas que figuraban no que foi presentado en 2017, a propia empresa recoñece que o novo plan de explotación supón un considerábel incremento na produción de dalgúns contaminantes con respecto ao que fora rexeitado cunda DIA negativa en 2021. "Isto supón unha nova bomba ambiental", di.
Así, alerta que o sistema de distribución dos estériles presentado pola empresa non pode garantir a non afectación ambiental, provocando a persistencia e o aumento da contaminación nas augas superficiais e subterráneas, non só durante o periodo de explotación senon tamén durante a fase post-clausura. "Esta contradición sobre a natureza dos estériles e o seu potencial contaminante resulta chave para avaliar os riscos ambientais e a viabilidade da explotación", sinala. Por iso, confiram que todas as medidas de tratamento dos estériles, de contención e mitigación das drenaxes ácidas e as propostas de restauración, son incorrectas, están mal dimensionadas ou serán ineficientes, o que inviabiliza o proxecto no seu conxunto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.