Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/12/2018 | Actualizada ás 10:35
O comité electoral de En Marea fixo públicos os resultados definitivos das primarias do partido instrumental, que confirman a vitoria da candidatura 'Coidando a Casa', encabezada por Luís Villares. Esta lista empúxose a aqueloutra liderada por David Bruzos, 'Entre todas', e fíxoo cunha marxe de 498 votos entre os 2.694 emitidos polos inscritos da organización.
Na noite deste mércores, dous días despois da publicación dos resultados provisionais, o comité electoral comunicou o reconto definitivo, que non revela diferenzas de votos respecto a os dados a coñecer o pasado luns. Así, a lista de Villares obtivo o 59,24% dos votos (1.596) polo 40,76% de 'Entre Todas' (1.098).
Con todo, a candidatura perdedora non recoñece os resultados e encargou unha auditoría propia ante a sospeita de que durante o proceso se produciron supostas "irregularidades" nunhas primarias nas que participou o 56% (2.694) dos 4.877 inscritos con dereito a voto.
Así mesmo, o comité electoral -na reunión deste mércores só participaron os membros que están aliñados coa dirección saínte- afirma no seu comunicado que o proceso de primarias se desenvolveu "sen incidencias de consideración, e as que houbo foron resoltas polo soporte técnico practicamente en tempo real". "Non se produciu nin unha só queixa sobre a posibilidade de que se puidese dar suplantación de identidade nestas votacións e o sistema utilizado caracterizouse pola súa seguridade", di a nota de prensa do comité electoral.
Así as cousas, este sábado 29 de decembro está fixada a data para a constitución do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección do partido instrumental. O Consello estará composto por 21 persoas da lista de Villares (que tamén se fai cos cinco postos da Comisión de Garantías) e 14 da candidatura 'Entre Todas', promovida por Podemos, Anova, EU e as mareas de Santiago, A Coruña e Ferrol.
Con todo, previsiblemente estes últimos non tomarán posesión do seu posto, dado que rexeitan o resultado das primarias, sobre as que pesa unha denuncia xudicial por presuntas "ilegalidades" presentada por un membro da Comisión de Garantías saínte, Manuel Nogueira, aliñado co sector crítico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.