Rueda está "atado de pés e mans" e "sen capacidade de gobernar", di o PSdeG

O PSdeG rexeitou facer "apriorismos" sobre a inclusión da mina de litio de Beariz dentro da estratexia europea sobre materias primas críticas e asegurou que avaliará "con rigor técnico e político" este proxecto

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2025 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, asegurou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está "atado de pés e mans", "atrapado" e "sen capacidade para gobernar nin para dar explicacións á cidadanía" por "Altri, por Rafael Louzán e por un conselleiro de Sanidade que non fai nada".

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, Torrado advertiu de que Alfonso Rueda, ten unha "única obsesión", que é "atacar ao PSdeG, en lugar de gobernar Galicia". "É triste ver que a única acción política de Rueda é discutir con quen pon argumentos encima da mesa", lamentou para asegurar que "non é capaz de debater, porque está "atado polas súas propias decisións e polas súas propias amizades".

O portavoz socialista mostrouse especialmente crítico co papel do presidente da Xunta respecto ao proxecto de Altri, que cualificou de "gran mentira" e "proxecto errado" ao que Rueda deu "un aval político e case persoal".

"O señor Rueda converteuse no home para todo de Altri", sostivo para criticar que faga "o traballo sucio á empresa" ao "non entrar a discutir a viabilidade, o impacto, o financiamento ou o emprego". "Só ataca ao PSdeG porque non pode dar respostas", afirmou nunha intervención na que se preguntou se a axuda que a Xunta dixo que ía dar á empresa foi "a declaración de impacto ambiental".

Neste punto e preguntado sobre o posible financiamento público ao proxecto de Altri, deixou clara a posición socialista ao soster que o ministro Hereu fala con respecto ao procedemento, mentres que ela valoración política do PSdeG é clara. "Altri non merece un só euro de financiamento público", dixo.

EXCLUSIÓN DE VIGO COMO SEDE DO MUNDIAL

Ademais, puxo o foco sobre a designación das sedes para o Mundial 2030. "Galicia ten dúas sedes fabulosas, pero Louzán chanchulleou para tentar quitar unha... e Rueda cala, porque tamén está atado", criticou.

"Se isto tivese algo que ver co Goberno central, Rueda estaría en pé de guerra", asegurou Torrado, que sostivo que como se trata dun "un chanchullo de Louzán" ao que se une "Diego Calvo soltando frases inadmisibles", o presidente non di nada, non pide dimisións, non rectifica".

En materia sanitaria, o PSdeG denunciou a "inacción" do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que acusa de "estar aínda estudando" mentres a cidadanía sofre demoras, listas de espera e colapsos na atención primaria e na saúde mental.

"Dicía que ía arranxalo todo nunha tarde e agora o único que fai é repetir medidas antigas, ampliar listas de espera e maltratar aos profesionais do MIR", censurou Torrado. "Contrátaos como médicos de pleno rendemento pero págalles como estudantes. É un parche e un insulto para eles e para a cidadanía", engadiu.

"TRANSPARENCIA, DESCONTOS E POLÍTICA ÚTIL"

Fronte a esta "parálise" do Goberno galego, Torrado reivindicou a "política útil e sensata" do PSdeG e anunciou que a súa formación rexistrará no Parlamento propostas para garantir a transparencia nos proxectos industriais estratéxicos. "Non pode volver pasar que se declare estratéxico algo sen pasar pola Cámara galega. Esiximos información e control democrático", dixo.

Tamén puxo en valor os descontos na AP-53 aprobados esta semana: "Autovías das que ninguén fala, que só o PSdeG defendeu, e agora teñen un 75% de bonificación grazas ao noso traballo. Camiñamos cara á gratuidade, cumprimos o que prometemos", dixo.

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, en rolda de prensa. PSDEG
O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

MINA DE BEARIZ

O PSdeG rexeitou facer "apriorismos" sobre a inclusión da mina de litio de Beariz dentro da estratexia europea sobre materias primas críticas e asegurou que avaliará "con rigor técnico e político" este proxecto.

Así se pronunciou este venres o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, en resposta ás preguntas formuladas polos medios en rolda de prensa, na que considerou necesario "escoitar aos axentes implicados e atender á información dispoñible".

"Non temos apriorismos", indicou para sinalar que o PSdeG "sempre analiza os proxectos industriais desde a viabilidade, a sustentabilidade e o impacto real sobre o territorio e as persoas".

Neste sentido, recoñeceu que "a posición da UE está baseada na necesidade de regular con máis rigor o sector mineiro" e asegurou compartir esa vontade de que os proxectos se implanten cumprindo todos os requisitos.

Torrado insistiu en que a súa formación "mirará con atención os informes". "Queremos diálogo, transparencia e garantías, pero Galicia debe estar presente no mapa industrial europeo, sempre que sexa cun modelo respectuoso, útil e sustentable", afirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta