Crónicas marcianas

En semanas coma esta son quen de preguntarme se existe algunha sorte de esperanza para manter a fe neste país noso.

Por Xurxo Ayán | Santiago | 12/07/2011

Comparte esta noticia

Neste tempos de desazón procuro nas diferentes seccións de prensa pequenas raiolas que amosen unha saída honrosa do túnel escuro e mouro no que nos topamos neste recanto de Europa. A pescuda comeza, sen moito entusiasmo, todo quede dito, pola política autonómica. Velaquí que topamos cunha fotografía deliciosa no curro potmoderno de Sabucedo.

Como na Lección de Anatomía de Rembrandt, varios individuos arrodean o personaxe que focaliza o retrato colectivo, nin máis nin menos ca o líder provincial do Partido, en mangas de camisa, entre moreas de testas de besta. Ao fondo, un barudo mozo da terra de Montes olla con desleixo cara outro lado, suando a súa camisola de Nunca Máis. O líder, tralo baño populista de homes e bestas, bota man do estilo tecnocrático acuñado polo seus custosos asesores e afirma, sen despeitearse (a rapa no seu caso é xa imposíbel), que cómpre desestacionalizar a rapa das bestas, así, como volo conto. Ao mesmo tempo, outro líder do Partido doutra provincia, con veleidades máis dinásticas, chama a súa grei para recortar o gasto en tempos de crise, co gallo de que a Deputación provincial volva aos tempos de viño e rosas. Este fenómeno leva vinte un anos á fronte de tan excelsa institución e é o responsable de converter ese chiringuito na empresa máis forte da provincia com máis dun milleiro de empregados, a meirande parte postos a dedo. Doutra volta, a actualidade política pon de manifesto o típico plan Renove que acontece tralas desfeitas eleitorais: os derrotados e derrotadas seguen enganchados ao tren público vivindo do cidadán, en novos postos, xa sexa de eurodeputado, presidente dun porto, dun Consello Económico e Social ou do que faga falla. Tamén hai algún que tras moitos anos acada o seu soño vital de gobernar a súa cidade. Velaí temos ese Conde Road, que semella recén saído dunha terraza ribeirá de Sangenjo. O crocodilo do seu sweter (indignado el ou durmido borracho ao sopé dun semáforo) vai ser o encargado de trabar calquer atisbo de iniciativa cidadá: “en Compostela hai outras prioridades antes cá cultura”, chegou a dicir como adianto do seu programa de goberno.

A sección de economía, como non ía ser menos, supón toda unha reafirmación do modelo eslovaco socialista dos anos 60 chantado en Galicia por aquelas datas: a fábrica tardofranquista de Celulosas, causante da morte da ría de Pontevedra e da morte de bastantes pontevedreses e pontevedresas seica vai ser deslocalizada cara a terras montesías de Cotobade. Como semella evidente, tras TAFISA cómpre non deixar nin unha faísca de vida no río Lérez. Estes proxectos tan modernos, xunto coas queixas sempiternas dos tunantes hostaleiros de Compostela, focalizan a atención económica dun país que produce medo.

Tras este bocado de realidade decídome a voltar a ollada cara a sección de Patrimonio e Cultura, onde se consuma a traxedia. Erick o Belga recoñece que roubar pezas de arte en España era unha bicoca. Xa non digamos en Galicia, onde o expolio chega a cada parroquia coma a peste do mildeu pola Ribeira. O asunto salta á prensa pola desaparición do Códice Calixtino, si, esa guía do século XII na que xa se advertía contra as malas práticas dos hostaleiros e mercaderes composteláns, os devanceiros dos mesmos que apoian decididamente a Conde Road. Como comentou unha señora amiga miña, “ a min que máis me dá que o códice o teño secuestrado o deán da catedral ou un delicuente, se total non mo deixan ver”. Considerar isto como patrimonio colectivo é máis difícil ca visitar un centro de interpretación galego en domingo. Asemade, as páxinas de Cultura seguen debullando o tema do peche de Galicia Hoxe, o que conleva para a cultura galega, a falla de apoio oficial, blá, blá, blá... Eu nunca coñecín a ninguén que mercase ese xornal, e agora semella que todo o stablishment cultural deste país se bota as maos á cabeza pola perda desa cabeceira. O que ten que facer a Xunta é deixarse de miradoiros estúpidos, cartelerías infames e casas de turismo rural, e financiar con fondos europeos xornais escritos en galego, que é o que demanda a xente na rúa todos os días, ou non?

Este tristeiro percorrido quítame as gañas de almorzar pero aínda así procuro as novas de pa-ciencia, con dúas noticias de alcance. Por unha banda, seica un equipo de Arizona vai participar nas escavacións arqueolóxicas de Neixón en Boiro. Estes ianquies van ter dereito a certificados que lles vallan na súa carreira científica, sorte que non van ter os estudantes galegos (non é broma) que participen no proxecto. Por outra banda, un equipo da NASA (non da sala anti Conde Road) toma mostras en covas das serras orientais galegas para investigar sobre as posibles formas de vida en Marte. O que non saben os cientificos da NASA é que en Galicia estamos gobernados por marcianos dende hai unha recua de tempo. Xa chegaron os marcianos e tamén che son galegos, canta razón tiña Antón Reixa. De feito, a nave nodriza aterrou sobre o dolmen de Dombate e alí está para quen queira vela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA