Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2019 | Actualizada ás 12:08
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, insistiu este martes nas súas reclamacións ao Goberno central para que ofreza "solucións" ao conflito de Alcoa coa posta en marcha dun marco enerxético estable neste primeiro semestre, o cal axude a conseguir un investidor que permita garantir a continuidade de todo o persoal a partir do 1 de xullo.
En declaracións aos medios, tras apoiar de forma maioritaria os traballadores das plantas da Coruña e Avilés o preacordo coa empresa, Conde sinalou que esta "vontade" dos traballadores débese trasladar a Goberno e Alcoa para "atopar solucións nestes seis meses".
Respecto diso, o conselleiro considera que é "unha evidencia" que se trata de "un problema enerxético", polo que empraza ao Goberno central a "dar unha resposta" ao prezo da electricidade, que é "máis alto" que outros países, para "competir en igualdade de condicións".
Ademais, Francisco Conde remarca que se debe traballar nese marco eléctrico para evitar un "efecto contaxio" que afecte a "Ferroatlántica e Megasa". Nun acto na Coruña, valorou o contacto que mantén a Xunta para implementar "todas as medidas de punto de vista ambiental e formación de traballadores" que axuden no proceso.
SITUACIÓN DE ISOWAT
Noutra orde de cousas, a preguntas sobre a situación da planta de Isowat Made da Coruña, que se atopa en concurso de acredores, Conde reitera que se están "avaliando diferentes propostas" de investidores interesados a escasos días de que termine o prazo para presentar ofertas.
Aquí, defende que están en contacto con comité de empresa, administrador concursal e posibles investidores co obxectivo de "dar continuidade" ao emprego de preto de 80 traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.