Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 16:34
Os grupos da oposición no Parlamento de Galicia, En Marea, PSDEG e BNG reclamaron información sobre a doazón de células nai embrionarias procedentes de cordón umbilical, ante unha suposta "caída" nos últimos anos, que os socialistas vincularon a unha "aznarización" ou "dereitización" co Goberno galego.
Así o transmitiron no transcurso da Comisión de Sanidade celebrada no Parlamento de Galicia, na que compareceu a presidenta da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, que non respondeu á pregunta formulada sobre cordón umbilical e centrouse en defender os resultados en "máximos históricos" de doazón de órganos en Galicia.
A deputada Noela Branco Rodríguez (PSDEG) cuestionou se "hai aznarización ou dereitización do PP" e "unha volta á época de Aznar que xunto coa Igrexa católica eran un dos detractores da doazón de células nai", debido a supostos descensos neste ámbito. Citou cifras publicadas en medios de comunicación que aludían a un "80%" de baixada en hospitais como o do Salnés en 2016.
A responsable de ADOS non respondeu a esta cuestión na súa quenda de réplica, pero a deputada do PP Marta Rodríguez-Vispo si replicou que "aquí non hai aznarizacións" porque Galicia ten "a taxa maior de España en doazón de sangue de cordón umbilical".
Por parte de En Marea, ademais de reclamar información sobre este aspecto, a deputada Eva Solla tamén se mostrou crítica co funcionamento da Axencia, ao entender que as súas funcións deberían ser desenvolvidas directamente polo Sergas. "Non ten sentido que esteamos a financiar estes entes e despois lles cobremos o servizo", alertou, con cifras "como 114 euros por bolsa de sangue".
Na súa intervención, por parte do BNG, Olalla Rodil, puxo o acento en reclamar información sobre a situación laboral da Axencia, ante "irregularidades laborais" derivadas de "cacicadas" do "Goberno de Fraga" co Centro de Transfusión de Galicia.
Fronte a isto, Marisa López García remarcou que a Axencia é un organismo "100 por 100 público", "regulado" e no que este mes de xaneiro se reforzou e consolidou" o seu cadro de persoal, coa cobertura de 69 novas prazas.
En concreto, expuxo que o pasado venres, 19 de xaneiro, o Diario Oficial de Galicia recolleu a resolución pola que se procede ao nomeamento do persoal laboral e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes do concurso oposición convocado.
Das 69 prazas, xa tomaron posesión, precisou, un total de 58. "Todo o proceso transcorreu con total normalidade, garantía e transparencia", valorou.
TAXA DE NEGATIVAS
Na súa comparecencia, a presidenta da Axencia recordou os datos do balance de doazóns de 2018, nos que a taxa de negativas familiares a doar en Galicia situouse en 2018 no 16,5%, o índice máis baixo rexistrado ata o momento, pero por enriba da media española, nunha comunidade na que o pasado ano se alcanzaron os 354 transplantes de órganos e na que a idade media do doante ascende aos 61,1 anos.
En canto ao aumento da idade dos doantes, explicou que se debe ao descenso nas mortes por accidente de tráfico e á maior porcentaxe de doazóns en asistolia, de persoas falecidas por accidentes vasculares, doenzas cardíacas ou traumatismos cranoencefálicos, entre outros.
COMPARECENCIA DO CONSELLEIRO
Pero a comparecencia da presidenta de ADOS non estivo exenta das críticas dos grupos da oposición ao Goberno galego, ao que recriminaron que non compareza o conselleiro de Sanidade no Parlamento de Galicia nin tampouco en comisión.
A representante do BNG, Olalla Rodil, censurou a falta de resposta en sede parlamentaria de Jesús Vázquez Almuíña ante a "situación insostible" e os "conflitos abertos" en Sanidade, tras 11 semanas de folga de traballadores de urxencias do CHUS, "dúas mortes que están pendentes de investigación" ou "a PAC en pé de guerra".
Na mesma liña, a deputada socialista Noela Branco Rodríguez, lamentou que a única comparecencia do conselleiro fose na comisión de investigación na "que o PP se avalía a si mesmo".
Unhas críticas que a 'popular' Rodríguez-Vispo replicou respondendo que aos grupos da oposición "non lles debía interesar moito a situación da sanidade porque "non viñeron os días" nos que compareceron o presidente da Xunta e o conselleiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.