Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 13:32
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber aseguraron este domingo a través dun comunicado que "retan" á Xunta a convocar unha consulta popular vinculante sobre a legalidade da caza 'deportiva' na comunidade.
Esta modalidade maniféstase, segundo explican ambos colectivos, a través de campionatos e pseudocampionatos "para matar todo tipo de animais silvestres sen ningún tipo de aval científico nin social".
Os animalistas móstranse convencidos do "rexeitamento cidadán" a estes pseudotorneos que "tratan de camuflar unha actividade cruel de práctica deportiva" e que fomenta "auténticas matanzas de especies como raposos".
Ademais, aseguran que a finalidade destes campionatos é "fomentar unha competición persoal para ver que escopeteiro é capaz de matar máis raposos, arceas ou xabarís durante un determinado período de tempo, habitualmente seis horas".
USO DE CANS
Por outra banda, os dous colectivos lembran que o uso se cans nestas convocatorias "engade pelexas e prácticas violentas que nada teñen que ver cun suposto respecto do medio natural ou dos seus habitantes animais".
Engaden que isto fomenta "simples espectáculos de sangue" que son gravados e difundidos polos propios cazadores a través das redes sociais ou das aplicacións móbiles de mensaxería instantánea.
Para convocar un referendo vinculante, os animalistas explican que o executivo galego debe solicitar permiso ao goberno central "aludindo que a caza é unha materia asumida competencialmente pola Xunta" e motivar a decisión polo debate social que se xerou de forma notoria ao redor da caza de raposos con cans, pero tamén por outras modalidades "presuntamente deportivas".
MODIFICAR A ACTUAL LEI DE CAZA OU CREAR UNHA NOVA
As dúas organizacións subliñaron que "non existe ningunha molestia legal ou impedimento" para que, unha vez realizada a consulta cidadá, o goberno autonómico impulse as modificacións normativas necesarias para incluír na actual Lei de Caza -ou nunha nova- a prohibición explícita das modalidades que se poidan considerar deportivas.
Consideran modalidades deportivas todas aquelas cuxa xustificación orixinal non sexa "o control de especies" ou "estean motivadas por solicitudes de danos agrogandeiros".
Os animalistas lembran casos como o do Cantón de Xenebra, que realizou unha consulta en 1974 que "logrou erradicar por completo a caza"; a decisión do Estado de São Paulo e de Costa Rica en 2012 de prohibila; e as medidas tomadas por varios países europeos respecto do uso de cans, que en ocasións inclúen moratorias completas, "como o caso de Luxemburgo o pasado ano".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.