Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2019 | Actualizada ás 17:33
A Xunta de Galicia porá en marcha o primeiro Premio aos empregados públicos innovadores. Terá por obxectivo recoñecer o compromiso daqueles que contribúan a unha administración eficiente, moderna e innovadora, "capaz de mellorar a prestación dos seus servizos cunha maior cobertura e equidade".
Así o informou a Consellería de Economía sobre unha iniciativa impulsada pola Axencia Galega de Innovación (Gain). Trátase dunha das actuacións específicas recollidas no Programa integral de impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI), co que se busca consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte da Administración de novas solucións e produtos.
A iniciativa xorde co obxectivo de "motivar, sensibilizar e incentivar aos empregados públicos que participan de forma activa nos diferentes procesos da innovación". Poden optar a estes recoñecementos todos os empregados públicos da Xunta de Galicia e os seus entes instrumentais, tanto de maneira individual como en grupos de dous a cinco persoas.
Segundo a convocatoria, establécense dúas categorías. Na de identificación de oportunidades deberase detallar e definir unha problemática, así como o interese que tería a resolución da mesma. O gañador conseguirá un asesoramento personalizado no que se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional, e elaborarase o material necesario para a solicitude de financiamento.
Por outra banda, na categoría de proxectos innovadores, na que se recoñecen iniciativas xa realizadas ou en curso, existen dúas subcategorías: a temática máis innovadora e a mellor actitude innovadora.
En ambos os casos poderán optar a gañar unha visita a un laboratorio de innovación internacional. Tamén poderán participar nun curso personalizado en innovación.
Con este certame, que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e cuxa información se poderá consultar na web de Gain, foméntase a compra pública innovadora (CPI), "unha ferramenta na que a Xunta é pioneira na súa utilización e que permite a mellora dos servizos que se prestan á cidadanía á vez que se estimula a competitividade empresarial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.