Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/03/2019 | Actualizada ás 16:08
Fiscalía estimou a demanda de En Marea contra a Xunta de Galicia ao entender que hai "unha negativa reiterada e ata o momento inxustificada a entregar os informes e documentos solicitados" en relación á fusión das antigas caixas de aforros. No seu escrito, con data de 7 de febreiro, o fiscal apunta que "parece producirse no caso que ocupa a lesión dos dereitos fundamentais alegados no escrito" da formación rupturista.
Respecto diso, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, subliña que "é fundamental coñecer o papel da Xunta nunha fusión alentada polo Goberno de Feijóo, despois de investir 9.000 millóns de euros públicos en sanear Novacaixagalicia, para saber que decisións se tomaron, como se tomaron e depurar responsabilidades políticas".
Pola súa banda, Fiscalía parte de que "é indubidable que o dereito de participación política é un dereito fundamental" e alude tamén aos termos en que se expresa o regulamento do Parlamento de Galicia, para advertir de que "non é xustificable o silencio da administración autonómica".
Supón, censura, "unha negativa reiterada e ata o momento inxustificada a entregar os informes e documentos solicitados" coa que "se cerna o dereito á información dos parlamentarios".
Así as cousas, agora será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que teña que pronunciarse sobre a lesión dos dereitos fundamentais do deputado de En Marea.
PETICIÓNS
O pasado 20 de setembro rexistrou por última vez un escrito dirixido á Presidencia da Cámara galega para poder acceder a estes documentos, que pide de forma reiterada desde 2013.
En concreto, reclamaba a carta de encarga do Goberno galego á auditora KPMG, o documento no que "a Xunta de Galicia lle reflicte as cuestións que a auditora tería que estudar para avalar esa fusión" e que, polo menos en parte (segundo Sánchez), a Consellería de Facenda acabou entregando (asegurando que xa figuraba desde o principio na documentación).
Outra documentación á que En Marea quere ter acceso son os informes dos técnicos da Consellería de Facenda incluídos no expediente de autorización da fusión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.