Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 21:04
O temporal de vento e choiva que afecta este martes a Galicia deixou xa ventos de case 150 quilómetros por hora en Viveiro (Lugo) e abundantes precipitacións sobre todo nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo os rexistros de Meteogalicia, o refacho máis forte de vento rexistrada na tarde deste martes tivo lugar en Viveiro (Lugo), onde se alcanzaron os 149,3 quilómetros por hora. No entanto, o vento tamén foi forte noutras zonas, como é o caso de Carballeda de Valdeorras (Ourense), onde superou os 122 quilómetros por hora; en Lousame (A Coruña), onde racadou case 120; ou en Carnota e Vimianzo, tamén na Coruña, por enriba dos 117 quilómetros por hora.
Os refachos foron significativos noutros puntos da provincia da Coruña: Cedeira, con 116 quilómetros por hora, Coristanco ou a propia cidade da Coruña, onde se superaron os 100 quilómetros por hora.
Do mesmo xeito, na provincia de Pontevedra, os ventos alcanzaron os 116,6 quilómetros por hora en Oia, e os 112 en Cangas e Bueu.
PRECIPITACIÓNS
Por outra banda, o temporal descargou cuantiosas choivas durante a tarde en Galicia que, entre outros problemas, obrigaron a suspender as celebracións de entroido en moitos concellos.
Entre as localidades máis afectadas está Lousame (A Coruña),con rexistros de máis de 52 litros por metro cadrado, unha cantidade similar á veciña Rois e aos 51,6 litros por metro cadrado de Santa Comba.
En Zas, pola súa banda, caeron máis de 47 litros por metro cadrado e en Val do Dubra, os 44; pouco máis que o rexistrado na cidade de Pontevedra.
Outras localidades nas que as choivas foron cuantiosas foron as pontevedresas Vilanova, con case 32 litros por metro cadrado; Fornelos de Montes, que excedeu esta cantidade, e Caldas de Reis, con 34,8. En Santiago de Compostela caeron máis de 31 litros por metro cadrado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.