O local da Coruña que non deixou entrar a un mozo africano di que irá á xustiza para defender “o seu dereito ao honor”

A Discoteca Playa Club négase a explicar as razóns que motivaron a denegación da entrada do rapaz pero di que “asume, como un compromiso propio, todas as boas prácticas orientadas a lograr a igualdade entre as diversas minorías étnicas”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/03/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

A empresa Produciones Audivisuales 15004 SLU, que xestiona e explota a discoteca Playa Club da Coruña, anuncia que acudirá “de inmediato” aos tribunais de xustiza para protexer os dereitos á “honra e reputación da empresa”. É a súa resposta ás denuncias de Jorge Espada, un pai que dixo en declaracións a Galicia Confidencial que a empresa negou a entrada do seu fillo alegando "nuevas normas" e que era o único de pel negra ao que non permitiron entrar no local.

Playa Club Coruña
Playa Club Coruña | Fonte: turismocorunablog

“As manifestacións realizadas polo Sr. Espada faltan á verdade e son gravemente lesivas para o Dereito Fundamental á Honra e a reputación da empresa”, asegura nun comunicado a empresa que xestiona este local. Por iso, acudirá aos tribunais ao considerar “que é o único foro no que pode rebater adecuadamente as infundadas acusacións realizadas e ao mesmo tempo gardar o debido respecto á intimidade das persoas”.

Esta empresa nega “terminantemente” que se impedira a entrada ao local a persoa algunha ao mozo na madrugada do pasado 10 de marzo polo “profundo respecto á diversidade que profesa e que orienta todas as súas políticas de xestión empresarial”. Con todo, non quere falar dos motivos que motivaron que se lle denegara a entrada a el, e non ao resto dos seus amigos. 

“A empresa, por respecto á intimidade das persoas, non pode dar explicacións públicas a terceiros, como o é o Sr. Espada –pai do mozo-- neste caso, respecto dos motivos polos que se impide o acceso a local a unha persoa maior de idade, e por tanto, titular exclusivo do seu Dereito á Intimidade”, aclara.

Finalmente, a emrpesa destaca que ten como “compromiso propio” todas as boas prácticas orientadas a lograr a “igualdade entre as diversas minorías étnicas que compoñen unha sociedade multicultural e tamén multiétnica”.  “Obviamente, todas as persoas que desexan acceder a esta discoteca só son avaliadas en función do seu estado, práctica habitual neste tipo de establecementos para garantir a plena seguridade”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta