Por Galicia Confidencial | Teo | 20/03/2019 | Actualizada ás 10:40
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, convoca unha concentración e manifestación para a fin de semana do 23 ao 24 de marzo. O motivo da concentración segundo apuntan é que “tras confirmarse a inminente explotación da canteira por parte da empresa Toysal, a veciñanza sairá ás rúas nun acto que se desenvolverá ao longo de 24 horas e que contará coa representación de diferentes colectivos da comarca”. Así, os actos iniciaranse o sábado 23 ao mediodía ata o domingo 24 concluíndo cunha “gran manifestación veciñal que dará comezo ás 12h no campo da festa do Monte Carmelo para logo baixar pola N-550 ata a entrada da canteira”.
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos indicaba que “o pasado sábado 16 de marzo a Xunta emitía un comunicado a través da prensa no que confirma a intención desta empresa (Toysal) de iniciar a explotación mineira da antiga canteira tras desistir no seu intento de abrir un vertedoiro”. As persoas que conforman a Plataforma consideran que esta explotación da canteira “obedece a un intento de dilación do dereito mineiro, que doutra maneira caducaría en breve, para así xustificar un futuro plan de “restauración” da canteira”.
Sobre o plan de restauración que Toysal podería aplicar na antiga canteira, a Plataforma di que “nunca tería que facerse efectiva, posto que a canteira a día de hoxe xa se atopa rexenerada de maneira natural mediante unha lagoa que xerou ao seu arredor todo un ecosistema no que habitan e crían numerosas especies como patos e outras aves”.
Sobre as consencuencias que pode ter a apertura da actividade mineira, o colectivo veciñal indida que “a explotación dunha canteira que xa está esgotada non é negocio, o negocio é o vertedoiro”. Sobre Toysal, tamén indican que esta empresa “nunca se dedicou á minería, senón á xestión do lixo”. “O negocio está nun plan de restauración que pasará por encher de residuos o monte ata as cotas iniciais”. Isto faríase “soterrando así o ecosistema actualmente existente e contaminando para sempre o terreo, os manantiais e os regatos da zona, chegando a afectar ao río Ulla e de aí á ría de Arousa”.
Para a manifestación do domingo 24 de marzo, espérase que “ANPAs, gandeiros, asociacións culturais, políticos, clubes deportivos, eclesiásticos, comisións de festas, plataformas mediambientais, e demáis colectivos da comarca farán relevos dunha hora de duración para manifestarse ao longo da N-550 ao seu paso pola Casalonga”. E conclúen que con este acto simbólico “a Plataforma quere lembrarlle á empresa de lixo que a veciñanza permanece alerta 24h ao día os 365 días do ano sen baixar a garda”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.