Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2019 | Actualizada ás 18:55
Os traballadores da empresa Poligal iniciaron ás 13,30 horas deste xoves un peche no Concello de Ferrol, unha medida máis de protesta coa que tratan de impedir o peche da planta de fabricación de filme de polipropileno destinado ao sector da alimentación, asentada no veciño municipio de Narón.
O fin do peche está previsto para as 12,30 horas deste venres, 29 de marzo, cando os traballadores, familiares e cidadáns partirán desde o edificio municipal en manifestación facía a praza de España, onde se concentrarán ante o edificio administrativo da Xunta.
Ademais, na tarde deste xoves teñen previsto tomar a palabra no pleno de Ferrol, desde as 19,00 horas, na sesión ordinaria de fin de mes. No pleno está previsto aprobar unha declaración institucional en mostra de apoio aos 108 traballadores que están ameazados con perder o seu emprego.
SEN AVANCES
Un dos delegados do comité de empresa, Bernardo Cabezal (CIG), asegurou que "un mes e oito días despois" de que a empresa lles comunicase a súa decisión seguen "igual, sen noticias da mesa" que se constituíu a semana pasada co Igape.
"Temos na tarde deste venres unha nova reunión, esperando que nos avancen algo sobre as xestións realizadas", engadiu. Cabezal tamén trasladou que unha das peticións da parte sindical aos responsables do ámbito político cos que se reuniron, tanto do Ministerio de Industria como da Xunta, "é que se atrase o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) porque o xulgado do mercantil non aceptou a liquidación da empresa". Ao seu xuízo, "non se dan as condicións para expor un ERE sobre a mesa".
O representante da CIG manifestou que por orde do administrador concursal vaise a dar "saída a parte do material que xa está fabricado, por un tema de caducidade e antes de que perda as súas propiedades".
APOIO DO SECTOR NAVAL
Por outra banda, o comité de empresa de Navatia Ferrol e as federacións de CC.OO., CIG, UXT e MAIS realizaron un chamamento a todo o persoal do estaleiro e da industria auxiliar para que participen na mobilización prevista para este venres en apoio aos traballadores de Poligal.
A mobilización deste colectivo partirá tamén ás 12,30 horas desde o estaleiro en dirección ao Concello de Ferrol, desde onde irán en manifestación cos operarios da empresa química.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.