A Xunta quere combater as noticias falsas co "fomento do xornalismo de calidade"

Jesús Gamallo participou na segunda reunión da comisión europea CIVEX, orientada combater a desinformación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2019 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (UE), Jesús Gamallo Aller, sinalou que a loita contra a desinformación e as coñecidas como 'fake news' (noticias falsas) debe realizarse "desde todos os niveis de goberno", xa que ve "un papel relevante a desempeñar" por parte de administracións rexionais e locais á hora de "aumentar a capacidade de resistencia da sociedade ante falsos rumores, medias verdades ou mentiras".

A Xunta cre que a loita contra as 'fake news' debe afrontarse 'desde todos l. XUNTA
A Xunta cre que a loita contra as 'fake news' debe afrontarse 'desde todos l. XUNTA | Fonte: Europa Press

Gamallo Aller realizou estas declaracións durante a súa participación na segunda reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernación e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), un encontro que versou case de maneira excluvisa sobre o desenvolvemento do 'Plan de acción contra a desinformación' que a Unión Europea adoptou o pasado mes de decembro.

Segundo destaca a Xunta, este plan para facer fronte ás 'fake news' estrutúrase en catro puntos: mellora da atención e denuncia, maior cooperación e respostas conxuntas entre os Estados membros, involucrar o sector privado nesta loita e sensibilizar á sociedade.

No encontro desta comisión abordouse como o uso de algoritmos, automatización e intelixencia artificial está "amplificando" a incidencia na sociedade das campañas de desinformación, como apunta o Goberno galego.

Así as cousas, os representantes locais e rexionais apostaron por organizar "diálogos e debates cidadáns" para "axudar" os cidadáns a "discernir entre información xenuína e desinformación".

Ademais, tamén sinalaron como vías para combater as 'fake news' o "fomento do xornalismo de calidade", a formación das persoas maiores por ser o colectivo "má proclive a crer nas noticias falsas" e a "concienciación dos propios políticos locais e rexionais".

Así mesmo, os asistentes coñeceron unha serie de ferramentas para a loita contra a desinformación. Unha delas é o xogo educativo 'Bad News', creado pola plataforma holandesa de consumidores críticos (DROG) en colaboración coa Universidade de Cambridge, que permite difundir noticias falsas en liña para aprender as técnicas que se empregan en campañas de desinformación.

Outras destas ferramentas son o 'Manual do Desenmascarador', unha guía para aprender a comprobar se unha información é veraz, ou a web 'EU vs Disinformation' posta en marcha pola Unión Europea fai catro anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Vamos traduzir em linguagem comum, o PP continuará a subsidiar os medios que falam bem deles.