Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2019 | Actualizada ás 14:00
A emigración actual de mozos e mozas a destinos tanto dentro do Estado como fóra, ten explicacións que atenden ademais de razóns económicas e laborais, tamén a outras estruturais con respecto ás posibilidades de desenvolvemento persoal que vían en Galicia. Isto podería ter unha explicación coa “Xeración Erasmus”, quen logo de teren visitado por motivos adémicos outros lugares da UE, a maneira de encontrar un traballo acorde cos seus estudos e por un salario mellor que o que poderían ofrecerlle en Galicia, deciden tentar probar sorte fóra.
Tamén a apertura de fronteiras para a mobilidade laboral e o uso da Rede, permite que moita xente nova dea o salto e marche fóra polo atractivo de ofertas laborais, a calidade de vida que poderían ter e ao mellor coñecen por outras persoas, ou a visión dunha sociedade envellecida que non quere darlles saídas e posibilidades.
MOVEMENTOS
O Instituto Nacional de Estadística ofrece unha estatística con datos sobre a emigración desde Galicia de persoas entre os 15 e os 34 anos. O maior número de persoas dentro desta marxe de idades que emigraron deuse nos últimos sete anos entre o 2015 e o 2016. Teoricamente a crise económica estaba superada en 2016, pero no primeiro semestre as persoas entre 30 e 34 anos, por poñer un exemplo, eran aínda o colectivo máis numeroso que colleu as maletas.
As mesmas enquisas indican que as persoas emigradas dentro da marxe de idade sinalada, non superou as mil persoas no primeiro semestre de 2018. Recuperación económica? Novas expectativas que aparecen no mercado laboral? Posiblemente existan razóns coma estas, pero a cuestión é que “algúns mozos e mozas ven que hai máis dificultades para acceder a un traballo fóra de Galicia, sobre todo no estranxeiro” di unha moza emigrada en Alemaña, que non quixo dar o seu nome. “Eu vinme a Alemania porque tiña a posibilidade de primeiro ter unha bolsa de estudos para a miña especialidade e logo, porque aquí vin que realmente podía continuar tanto estudando como traballando, e non estar pendente das listas das oposicións ás que me presentara, porque ás veces estaba moito tempo sen traballo”.
E onde están as dificultades? A mesma moza, que fai in traballo sobre xente nova emigrada a Alemania responde que “ no caso alemán, para a xente da Unión Europea é algo máis doado, non obstante os permisos de traballo e a burocracia arredor deles son moi complicados”. O muro burocrático fai que “moitos e moitas intenten quedar collendo algún “minijob” ou traballando en negro por uns meses, certo é que hai xente que acaba quedando cun traballo máis ou menos decente, pero ás veces comparas os salarios dos minijobs e os pagados en negro e pensan que a diferenza con Galicia non é tan grande nese punto”.
MOTIVACIÓNS
Galicia Confidencial púxose en contacto con máis persoas emigradas fóra e dentro do estado. Miguel Rodríguez, membro do equipo de “Té con gotas”, ofrécenos a súa visión. Os motivos polos que marchou ao Reino Unido foron varios, pero sobre todo académicos. “Viñen ao Reino Unido en setembro de 2017 porque me quixen especializar na área do xornalismo de datos e no Estado español non había unha grande oferta de cursos sobre este campo. Sabía que no Reino Unido estaban as Universidades máis avanzadas nesta área, mesturando xornalismo, con programación informática e análise e visualización de datos, e que tamén había moito interese por desenvolver este campo por parte da industria británica. Xunto coa dos EEUU, a prensa británica probablemente sexa a que está máis á vangarda no campo da innovación en novos formatos de xornalismo”
Tomás fotógrafo en Barcelona apunta que chegou á cidade Condal por motivos académicos e profesionais. Estudara Historia en Santiago pero en Barcelona estudou Fotografía e agora “si, vivo profesionalmente do que estudei aquí”. Miguel Rodríguez, que estudara Xornalismo, preguntado sobre se traballa do seu responden “si, en xuño de 2018 comecei a traballar para RADAR AI, a unidade de datos da Press Association, a axencia de noticias máis importante do Reino Unido, algo así como EFE en España. O meu departamento logrou financiamento de Google para desenvolver un servizo de escritura automatizada de noticias locais a partir de bases de datos. Non poderíamos levar este traballo a cabo se non fose pola tradición de transparencia que existe no Reino Unido, onde todas as semanas se publican ducias de estatísticas, moitas delas con datos desagregados a nivel local”.
Sobre as motivacións que levan á xente nova a emigrar, Tomás é categórico “falta de oportunidades e confianza no traballo da xente nova”, o que apuntaría á falta de innovación e de creación de traballos en base a esa innovación. Miguel esténdese máis “a grosso modo penso que os que viñemos ao Reino Unido o fixemos porque laboralmente se ofrecen unhas oportunidades que en Galiza e no resto do Estado non existen, ou se existen non son o habitual. Falo de ter un traballo relativamente ben pagado, unha estabilidade e unha perspectiva de progresar e promocionar nun sector ou nunha empresa”. Tamén apunta motivacións dentro da cultura laboral do Reino Unido “o dinamismo económico do UK (teñen un 3,9% do desemprego agora mesmo, un record histórico á baixa a pesar do Brexit) fai que os traballadores se movan moito, o cal permite subir máis facilmente na xerarquía dunha compañía e que as empresas estean interesadas en tratar ben aos empregados, porque saben que non hai 50 desempregados esperando na cola co seu currículum na man, como acontece en Galicia”.
Que solución sería posible para eles para frear a emigración? “creo que é un problema estructural. Non é normal que durante xeracións e xeracións as galegas tivesemos que emigrar por todo o mundo para gañarnos a vida”. E finaliza con que “sen ser un experto na materia, penso que a solución viría por que as administracións apostasen por desenvolver sectores nos que Galiza ten vantaxes para competir, fomentando o investimento en innovación neles e a colaboración coas Universidades. Se o futuro se fía a desenvolver o turismo e centros comerciais, non creo que o futuro sexa moi atractivo”. Tomás, máis críptico, apunta “Precisase un cambio na mentalidade de que a un traballo se entra a través dun CV e crer máis na formación a través do traballo en si”.
E preguntados sobre a perspectiva que se ten de Galicia entre a emigración e a sociedade de acollida, Tomás resume en que “é unha sociedade avellentada que ten medo dos cambios”. Miguel responde “non é boa, pero advirto de que case sempre tendo a ser pesimista. Oxalá tivese motivos para o contrario, pero nos últimos anos a industria foi ao traste, as caixas desapareceron co importantes que eran para o desenvolvemento dunha rexión como a nosa, a poboación envellece e, pensando no longo prazo, non creo que Galicia estea nos plans dun país que hai anos decidiu que o seu proxecto estratéxico estaba en Madrid e no Mediterráneo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.