O CSIC trasladará o Instituto de Ciencias do Patrimonio á Cidade da Cultura

ConsejoSuperior de Investigaciones Científicas aportará 2,4 millóns de euros polo uso das instalacións do Gaiás durante os próximos 20 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

A Xunta e o ConsejoSuperior de Investigaciones Científicas (CSIC) acordaron que o novo Edificio Fontán da Cidade da Cultura albergue o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), anunciou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.

Recreación do Edificio Fontán na Cidade da Cultura
Recreación do Edificio Fontán na Cidade da Cultura | Fonte: CdC.

Feijóo lembrou que o edificio comezou a "construírse en decembro aproveitando a estrutura en formigón parcialmente executada, que vén do antigo edificio do teatro da música". "Un dos que decidimos non proseguir polo seu impacto económico", precisou.

O acordo supón que, polo uso das instalacións do Gaiás, durante os próximos 20 anos, o CSIC achegará 2,4 millóns de euros. Ademais, asumirá o custo anual dos gastos que xere o Incipit polo desenvolvemento da súa actividade.

A cantidade procedente desta axencia científica estatal, dependente do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, permitirá reducir a achega do Goberno galego á construción do edificio Fontán.

O Incipit conta cun equipo de 60 investigadores permanentes, ademais de estudantes e colaboradores. A súa localización na Cidade da Cultura converterá a este espazo nunha referencia en todo o Estado no ámbito dos estudos do patrimonio, resalta a Xunta.

Tal e como lembrou Alberto Núñez Feijóo, as obras do edificio comezaron o pasado mes de decembro co obxectivo de emprazar no Gaiás tres centros: a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia e o futuro Centro Europeo de Investigacións en Paisaxes Culturais, pioneiro en España.

A reunión deste tres centros responde a unha lóxica económica, posto que supoñen "un aforro de 15 millóns", e á vontade das tres universidades de traballar xuntas nun só edificio que resulte funcional e que permita compartir coñecementos e sinerxías.

"Por fin conseguimos que as tres universidades e a Xunta fagan as cousas xuntas", recalcou.

Aos 60 investigadores permanentes, ademais de estudantes e colaboradores do Incipit, sumaranse así 140 traballadores que se incorporarán ao edificio Fontán cando estea terminado. Deles, 19 corresponderanse co Centro Europeo Interuniversitario, 17 á Axencia para a Calidade e 100 ao Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais.

En total, abundou Feijóo, serán "200" as persoas que desenvolverán o seu traballo no Edificio Fontán co que se segue avanzando en "dar utilidade" ao que era "unha estruturapantasma".

OBRAS EN MARCHA

Os traballos neste inmoble foron adxudicados en concurso público a unha UTE formada por Acciona e San José e está previsto que estean terminados no último trimestre de 2020 e operativo en 2021, ano Xacobeo.

A decisión de situar na Cidade da Cultura o Fontán responde, sinala a Xunta, a que construír un edificio de características similares noutra localización estímase que custaría 30 millóns de euros, mentres que ao facelo no Gaiás, o proxecto ten un orzamento de 14,7 millóns.

A achega de 2,4 millóns do CSIC permitirá reducir o custo para a Xunta, indica o Goberno galego. A razón do aforro obedece a que, ao situar o edificio na Cidade da Cultura, aprovéitase a estrutura xa construída para o Teatro da Música e evítase a adquisición dun solar para un edificio tecnolóxico destinado á investigación, ademais de aproveitarse as redes e as conexións de gas, climatización, enerxía, etc.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta