Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2019 | Actualizada ás 14:38
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou este luns o traslado do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC ao que será o futuro Edificio Fontán, unha infraestrutura que porá o "broche final" ao complexo da Cidade da Cultura e onde, en total, traballarán unhas 200 persoas. Un "broche final" que chega logo de 20 anos de cambios nos proxectos orixinais polo gran sobrecusto dunha obra que supera os 300 millóns de euros.
100 millóns de euros era o que o Goberno galego presidido entón por Manuel Fraga prevía gastar na Cidade da Cultura de Galicia. En 1999, cando se iniciou a planificación doutros complexos, o ex presidente galego quería converter a Cidade da Galicia noutro referente cultural como o museo Guggenheim de Bilbao ou a Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia.
Tras numerosos cambios, e a supresión de varios edificios, entre eles os do Teatro da Música e Novas Tecnoloxías, diseñouse un novo edificio, o Fontán, que acollerá, ademais do Incipit, o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (Ceipac), o Consorcio Interuniversitario de Galicia e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (Acsug).
En concreto, este luns Feijóo presidiu a firma do convenio entre a Xunta e o CSIC polo que se dará traslado á Cidade da Cultura do Incipit, que leva ocupando desde a súa creación en 2010 un edificio no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No acto tamén estiveron presentes a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a de Educación, Carmen Pomar.
Este Instituto de Ciencias do Patrimonio ocupará en torno ao 20 por cento da superficie do Edificio Fontán. O presidente da Xunta indicou que o CSIC achegará 2,4 millóns pola cesión e asumirá os custos de mantemento. Segundo palabras de Feijóo, o Edificio Fontán "ocupará o que inicialmente estaba previsto para facer o Teatro da Ópera", unha xestión que permitiu o aforro duns "15 millóns de euros".
UNHA APOSTA "POLA INVESTIGACIÓN EN CIENCIAS SOCIAIS"
En canto ao acordo asinado con CSIC, o titular da Xunta celebrou esta aposta "pola investigación en ciencias sociais en áreas fundamentais para Galicia como a paisaxe e os itinerarios culturais".
Ademais, indicou que o Edificio Fontán albergará a unhas 200 persoas traballando: 19 do Consorcio Interuniversitario, 17 da Acsug, 100 investigadores do Ceipac, aínda que "non sempre" fisicamente, e outros 60 de "once nacionalidades" por parte do CSIC.
"Incrementarase, por tanto, o potencial do Monte Gaiás xerando, entre o Incipit e o Ceipac, unha referencia a nivel nacional nos estudos do patrimonio. E será positivo para os traballadores, que contarán cun espazo moderno e funcional para traballar", abundou o xefe do Goberno autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.