Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2019 | Actualizada ás 13:57
A Asociación de Canteiros de Poio ofreceu os seus servizos para a restauración da catedral parisiense de Notre Dáme tras o incendio deste luns. Este colectivo profesional pide como condición que o Goberno de España fináncielles.
A Escola de Cantaría de Poio, da que os membros desta asociación foron alumnos, é un centro que depende da Deputación de Pontevedra e ten como finalidade "conservar e promocionar un dos oficios máis antigos e nobres de Galicia, o de cantaría, para ensinar a arte de traballar a pedra", lembraron.
É unha escola única na península, dedicada á cantaría ornamental e de construción, combinando ensinos teóricos e prácticos, sinalaron. Actualmente está en proceso para converterse nunha Entidade de Formación Profesional para o Emprego o que permitirá solicitar a homologación do título de canteiro.
Os exalumnos da Escola de Cantaría levan 20 anos reclamando esta homologación. O recoñecemento profesional destes alumnos fixo que sexan requiridos para traballar en obras como a rehabilitación do Palacio de Westminster e do Big Ben, o Capitolio de Washington, o barrio de Chiado en Lisboa, a Catedral de Santiago, a Sacra Familia de Barcelona ou a Igrexa de San Judas de Londres.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que por parte da administración provincial establecerán contacto coas autoridades galas para pór "á súa disposición" os servizos destes canteiros pontevedreses e engadiu que, neste caso, hai unha "vantaxe". "Eu coñezo á alcaldesa de París, Anne Hidalgo", destacou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.