Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2019 | Actualizada ás 14:25
A Catedral de Santiago está a facer "unha revisión" dos protocolos de seguridade tras o incendio rexistrado na Catedral de Notre Dame de París e os seus responsables avanzaron que o interior da basílica contará, ao finalizar as obras e "por primeira vez", con sistemas modernos de detección de lumes, que nestes momentos están a definirse.
Así o explicou, en declaracións aos medios, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que garantiu que todos os proxectos de obra que levan a cabo na basílica teñen "os seus propios protocolos" de seguridade, aínda que, tras o suceso de París, están "a revisarse". "Cando pasa unha situación destas convida a que reflexionemos todos e nós temos aos equipos reflexionando", dixo.
Lorenzo explicou que a situación da Catedral de Santiago é "distinta" á de Notre Dáme, dado que non se traballa nunha cuberta de madeira, se non de formigón e pedra: "Que arda iso non é fácil, por non dicir que é imposible". No entanto, lembrou que se intervén tamén en zonas do interior, onde "hai madeira", polo que hai que "prever" a posibilidade de incendio.
Aínda que as intervencións contan con plans específicos neste sentido e á súa conclusión elabóranse plans de conservación preventiva que tamén barallan emerxencias, Daniel Lorenzo asegurou que cando se produce un suceso como o de Notre Dáme é bo "facer internamente unha reflexión" por se se pode mellorar algún aspecto.
SISTEMAS DE DETECCIÓN
Do mesmo xeito, avanzou que, en cando terminen as intervencións en marcha terán que unificarse os plans de conservación nun único documento que "xa se está" iniciando. Neste sentido, lembrou que, "hoxe en día" non é posible instalar un sistema para previr os incendios no interior da basílica que dea aviso, por mor da intervención, pero "cando as obras estean terminadas, haberao". "Entanto, temos que ver con que outros medios cubrimos esas carencias", explicou Lorenzo, que lembrou que na Catedral compostelá "hai persoal as 24 horas".
Daniel Lorenzo avanzou que, cando conclúa a intervención, "será a primeira vez que haxa sistemas de detección de incendios modernos" no interior da Catedral, algo que aínda se analiza como se "compaxinará" co funcionamento "do botafumeiro". "Sería unha ousadía dicir que temos todo garantido e que non vai pasar nada. Nós temos todo o que podemos facer de acordo cos criterios que se utilizan, pero a seguridade absoluta de que non vai pasar nada non o pode ter ninguén", resolveu.
Do mesmo xeito, o responsable da Fundación Catedral lembrou que se trata dun "edificio complexo e voluminoso" no que é necesario "priorizar" aspectos fronte a un orzamento "escaso". Entre outras cuestións, explicou, acábase de terminar a nova instalación eléctrica do arquivo e "haberá que facer unha nova instalación contra incendios nese espazo". "Cada cousa no seu momento", subliñou.
PLANS EN VIGOR
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, apuntou que "todas as obras de rehabilitación que se están levando a cabo na Catedral de Santiago contan cos seus preceptivos plans de seguridade e saúde" e con "unha coordinador" da área, que busca "prever calquera tipo de problemática que poida xurdir.
Do mesmo xeito, a Catedral compostelá conta tamén cun plan propio de protección de elementos patrimoniais, que outros recintos, como as catedrais de Lugo ou Mondoñedo "están a actualizar"; que se suma ao Plan Nacional de prevención de emerxencias no patrimonio cultural.
"O suceso de Notre Dáme fainos reflexionar, pero non debemos pensar que estamos desprotexidos en ningún caso", dixo o conselleiro, que, aínda que recoñeceu que "sempre pode haber problemas", garantiu que se están "cumprindo protocolos" nas intervencións.
Román Rodríguez tamén se referiu a a convocatoria anunciada este martes do Consello Nacional de Patrimonio, no que os responsables autonómicos e o Goberno central "avaliarán a situación" destes plans de protección e analizarán "se é necesario adoptar algunha medida nesta materia".
NOVO ESPAZO
A Catedral de Santiago investiu 360.000 euros na rehabilitación e recuperación do aspecto orixinal da planta baixa do edificio modernista anexo á Oficina de Acollida ao Peregrino, un espazo que se empregará agora con área de descanso para peregrinos con acceso ao xardín.
O presidente da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitaron este mércores o espazo en compañía da directora de Turismo de Galicia Nava Castro, e do arquitecto responsable da obra, Carlos Rosón, que precisou que a intención foi a de "recuperar o concepto orixinal" do edificio.
Para iso, levou a cabo unha intervención exterior --financiada pola Xunta con 400.000 euros-- e unha interior nesta sala, que agora será unha nova área de descanso e esparexemento para peregrinos.
No exterior, dixo Carlos Rosón, fixéronse "catas" para "comprobar a pintura orixinal" do edificio, que foi repintado do mesma cor que tiña á súa construción, en 1919. Tamén se repuxeron as carpintarías exteriores en madeira de castiñeiro, realizadas "co despezamento orixinal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.