Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/05/2019 | Actualizada ás 20:30
“Non sei se Martiño é máis simple que incompetente ou máis incompetente que simple”. Este titular dunha entrevista en El Correo Gallego ao candidato popular á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, motivou unha dura crítica do seu compañeiro de partido Ángel Currás.
O tamén ex rexedor de Santiago de Compostela utilizou a rede social Tuiter e unha cita do pensador grego Dióxenes para mandarlle un recado a Hernández. “El insulto deshonra a quien lo infiere, no a quien lo recibe”, escribiu.
Estas críticas públicas de Currás chegan xusto ao final de campaña e cando nas filas do PP hai malestar interno por como se afrontou a campaña en Santiago, especialmente, por ser “moi brandos” nas críticas a Xosé Sánchez Bugallo. E é que fontes deste partido estiman que Hernández levará un “forte correctivo” de votantes que poden apoiar a Bugallo.
De feito, o pasado venres, Feijóo, nun acto en Santiago, ao igual que o propio Hernández, tentaban reverter esta situación criticando a campaña e as promesas de Bugallo. “Pero isto chega xa no último día de campaña e sen posibilidades de reacción por parte dos votantes populares. Había que facelo antes”, critican fontes consultadas.
TRAXECTORIA DE CURRÁS
Ángel Currás, catedrático de ensino secundario no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, accedeu á alcaldía de Santiago en abril de 2012, tras a dimisión de Conde roa. En xaneiro do 2013 foi citado a declarar como imputado por un presunto delito de tráfico de influencias no marco da operación Pokémon.
O 9 de xuño de 2014, logo dunha fonda crise institucional, dimitiu como alcalde, sendo substituído por Agustín Hernández. Continuou como concelleiro até outubro, cando foi nomeado para dirixir en Galicia a empresa Tragsa en substitución de César Aja.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.