VOTA | Debería Feijóo adiantar as eleccións autonómicas tras os resultados das xerais e municipais?

Por primeira vez nunha década, o PP ve ameazada a súa hexemonía co ascenso do PSOE.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/05/2019 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

A tendencia política en Galicia está mudando, cun PP á baixa e un PSOE á alza. Os socialitas foron a forza máis votada polos galegos nas xerais do pasado mes de abril, con 524.844 votos, fronte 447.562 dos 'populares', marcando un fito na recente historia de Galicia. Agora, nas municipais, o PP volveu ser o partido con máis apoio, pero os conservadores (501.570 votos, o 33.35%) están nun empate técnico cos socialistas (492.789 votos, o 32.76%) e perden poder e influencia no conxunto dos municipios galegos, mentres o PSOE gaña representantes nunhas eleccións, as locais, onde tradicionalmente o PP arrasou pola súa enorme estrutura e músculo municipal. 

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Miguel Núñez

Mentres o PP estatal segue perdendo poder político nas cidades e autonomías de España, malia o que festexaban que poden gobernar Madrid co apoio da ultradereita, en Galicia Feijóo recoñecía este domingo que os resultados do seu partido non foron bos. A súa imaxe seria, contida, contrastaba coa festa rachada que lideraba Pablo Casado na capital de España, malia que o seu partido perdeu milleiros de votos alí. Nunca antes se festexara tanto unha derrota. Porque no PP xa dan por feito que Ciudadanos e a ultradereita de Vox lles darán o seu apoio para non deixar gobernar as listas máis votadas na cidade e comunidade madrileñas: Más Madrid e PSOE, respectivamente.

Lonxe desas cortinas de fume que tentan disimular outra nova hecatombe no PP en todo o Estado —tamén nas eleccións europeas—, Feijóo ten agora que meditar se cómpre adiantar ou non as eleccións autonómicas en Galicia, que se deberían celebrar dentro dun ano, aproximadamente. A imposibilidade de gobernar as grandes cidades, a esmagadora derrota nas xerais e a perda de 124 concelleiros nos municipios comprometen o forte liderado do que fachendaban o propio Feijóo e o PP galego fronte ao PP estatal. Un PSOE cada vez máis forte e vertebrado ameaza a maioría absoluta dos conservadores en Galicia. 

Tanto nas eleccións xerais como nas municipais, a esquerda (PSOE, BNG, mareas, Podemos, etc.) impúxose á dereita (PP, Ciudadanos, Vox) en Galicia. Ante esta situación, cun PSOE á alza —e única alternativa real á hexemonía de Feijóo— e un PP á baixa, cabe preguntarse se Feijóo debería adiantar as eleccións en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta