Por Xurxo Ayán | Compostela | 31/01/2012
De entre todos eles temos o exemplo dos berta, animistas de toda a vida. A fins do século XIX, as elites locais berta adoptaron unha doble estratexia; por unha banda, pasaron a render tributo e honras ao “negus” abisinio e, por outra banda, convertíronse ao Islam, arrastrando con eles ao común (xa se sabe, “cuius regio, eius religio”). Os xefes berta contribuíron ao padecemento do seu propio pobo axudando nas razzias escravistas promocionadas polo poder imperial. Entre os berta, o poder transmítese de pai a fillo, algo moi propio dunha comunidade campesiña primitiva virilocal, isto é, os rapaces remanecen no seu poboado e casan con mulleres de fóra. Estas sagas familiares de caciques africanos seguen detentando o poder tradicional hoxendía, nutrindo as filas do Partido Popular de turno, o Partido dos Berta. Na nosa tentativa de deseñar un museo interétnico en Asosa (a capital do Estado rexión de Benishangul-Gumuz) deseguida o xefe, fillo, neto e bisneto de xefes, obrigou a que un retrato do seu bisavó recibise ao visitante pendurado nun posto de privilexio no Museo. Por suposto, a súa extensa grei copa os postos da Administración local, tanto a consuetudinaria (os pedáneos no noso caso) como a oficial (a Deputación no noso caso) do Estado federal etíope.
Fagamos agora unha viaxe de Leste a Oeste sen trocar apenas de latitude. Atopámonos agora no Golfo de Guinea, na vella colonia española de Río Muni, na parte continental de Guinea Ecuatorial. A etnia guerreira fang, sobrancea estas terras dende hai séculos, dominando a outros grupos étnicos. En concreto, o clan de Mongomo é o basamento no que se alicerza a ditadura criminal de Obiang, o militar franquista formado na Academia de Zaragoza nos anos 60. A estrutura de parentesco obriga a un acusado nepotismo. As ducias e ducias de ministros e secretarios xerais tentan reproducir o modelo do Xefe: garantir o futuro do fillo como detentador da autoridade e do poder. Teodorín, o nefasto fillo de Obiang, sátrapa analfabeto, ministro de Medio Ambiente, expoliador da súa terra e multimillonario é o referente para os adláteres do Rexime. Aquí, nestes estados da África subsahariana non existe Papá Estado, unicamente Papá, estilo Julio Iglesias.