O arcebispo de Santiago buscará que o papa Francisco visite Compostela: "Por tentalo non vai quedar"

Julián Barrio Barrio recolle ademais as queixas de peregrinos que atopan igrexas pechadas ao longo do Camiño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio, sinalou este luns que buscará que o papa Francisco visite Compostela o próximo Xacobeo 2021, polo que asegurou que "por tentalo non vai quedar".

Arcebispo de Santiago
Arcebispo de Santiago | Fonte: Europa Press

Antes de asistir na capital galega a un encontro de sacerdotes, relixiosos e relixiosas do Camiño de Santiago, Barrio subliñou que o papa será convidado a asistir ao Ano Santo, pero non quixo transmitir "esperanzas" que se cadra "non se cumpren".

"Todos sabemos que o papa ten unha axenda moi moi marcada. Por tentalo non vai quedar, pero tampouco podemos tratar de manifestar unhas esperanzas que se cadra non se cumpren", insistiu o arcebispo compostelán.

No encontro, que levará a cabo ata este martes, Julián Barrio tratou de plasmar aos asistentes "o que considera que pode ser o contido catequético que se podería transmitir aos peregrinos de maneira especial no próximo Ano Santo".

QUEIXAS

Noutra orde de cousas, plasmou as "queixas" dos peregrinos que "non poden manifestar ou pór en práctica os seus sentimentos relixiosos ao atopar moitas veces as igrexas pechadas" ao longo do Camiño de Santiago.

"Imos tentar na medida das nosas posibilidades este próximo Ano Santo, coa colaboración do voluntariado e das institucións administrativas, a ver se podemos satisfacer esta inquietude e preocupación que me chega constantemente. Sénteno como unha preocupación e laméntano", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta